LINGUA PROLETARIA | O |

25 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

ENTRANDO EN Ciudad Juárez hai un sinal de tráfico pintado de negro que pon: «Alto, mujercidio»; e os veciños miran con desconfianza aos transeúntes, desde que, no ano 1993, comezaron a desaparecer nenas e mulleres que, con posterioridade, foron atopadas soterradas no deserto fronteirizo cos Estados Unidos, con signos de tortura. Cando as autopsias descubriron que entre as víctimas tamén había rapazas de ata nove anos, o escritor mexicano Sergio González preferiu chamalo feminicidio; ao fin e ao cabo, non deixa de ser un ataque contra a condición de feminidade e tamén, polo estrato social das víctimas, contra as clases máis baixas da sociedade. Seguramente algún día saberemos quen, o como e o porqué destes cincocentos asasinatos en trece anos e preto de catro mil cincocentas desaparicións. Pero mentres tanto, quedamos coa frase dun alto cargo político, quen, sen rubor de ningún tipo, asegura que, se as mulleres non andivesen soas non correrían ningún risco. Ou a dun alto funcionario municipal que recomendaba non falar do asunto para non asustar aos turistas. Ou a frase dun destacado membro da xustiza que asegura que «algún motivo dieron». Ou a do cardeal Sandoval Iñíguez, de Guadalajara, quen no ano 1998 fixo recaer toda a culpa nas provocadoras roupas coas que se visten as féminas; que botándolle a culpa ás víctimas afórranse complicados e custosos xuízos, ademais de arrevesados vurullos e mareos. E por se toda esta restra fraseolóxica non bastase para amosar un machismo desnortado, dentro das casas, os maridos desconformes coas esposas ameazan cunha macabra frase que se fixo coñecida e temida: «Te voy a echar al desierto». E mentres tanto, o cártel de Juárez, o principal exportador de droga aos Estados Unidos, viste de mariachis aos seus homes, xera unha riqueza en diñeiro negro que poucos xuíces, policías ou políticos ousan rexeitar, e é sinalado, sempre sen probas, como o principal instigador do silencio oficial sobre o caso destas desaparicións de mulleres.