DENDE FÓRA | O |
20 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.QUE VINTE anos non é nada? Vinte anos é un mundo. Chega con pasar uns días noutras zonas en teoría máis desenvolvidas para saber que significan. E digo vinte por poñer unha cifra, porque hai cousas que de seguro precisan de máis de dúas décadas para que poidan ser cambiadas. Sen embargo para outras, e aí está o triste do conto, só se precisan pequenos esforzos e a vontade, en moitos casos política, de levalas a cabo. Vinte anos, polo menos, son os que separan a unha sociedade que se preocupa polo entorno, polo coidado do medio ambiente, de outra que satura a súa costa con construcións a pé de praia sen máis criterio que o puramente económico. Vinte anos son os que distinguen ás vilas limpas doutras que nin sequera son capaces de facer unha digna recollida selectiva; a aquelas nas que se coida o mobiliario urbano das que cada mañá teñen que facer valoración dos danos sufridos na noite anterior. Terán que pasar, quizais, vinte anos para que se poida dispor na totalidade dos núcleos de redes de saneamento, de garderías ou de centros de ensinanzas integrais que faciliten a formación dos nosos mozos. Vinte anos é a desvantaxe que sectores, outrora estratéxicos, como a agro-gandería ou a pesca, teñen con respecto aos de outras zonas de Europa. E dito sexa de paso, vinte anos tamén son os que separan a algunhas rexións que teñen boas estradas, menos listas de espera, mellores conexións a Internet, e un longo etcétera doutras menos afortunadas. E dirán vostedes, ¿en que momento se perderon eses vinte anos? Polo que a min respecta non lles sei responder. Sempre oín dicir que medio mundo ía tantos anos por diante de nós. Que os alemáns, os suízos e o franceses nos levaban dez, quince ou vinte anos. Ao mellor eses vinte anos é a suma do tempo que os nosos veciños estiveron traballando neses países..., pero tampouco debe ser, porque se marcharon foi precisamente porque aquí non había o que tiñan alí. Igual é que dende a nosa constitución como pobo fomos así, dos de atrás. Probablemente dende sempre fomos a remolque e que en certa forma este atraso forma xa parte dan nosa propia idiosincrasia. Carlos Gardel era, no seu, un xenio. Coa letra do tango «fóiselle a pinza», que din agora. Vinte anos non é nada para o amor e para a primavera, que, por certo, empeza hoxe. Para o resto, vinte anos, é un mundo, como se pode ver.