O santo desamparado

BARBANZA

LINGUA PROLETARIA | O |

18 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

POLAS PÁXINAS dos contos da montanha , de Miguel Torga, camiña unha devota anciá que nada ten que lle agradecer ó ceo, pois nunca sentiu atendidas as súas súplicas, a pesar das velas e misas que lle ofreceu, e sen embargo é respectuosa e cariñosa coa divindade. Camiña a crente baixo a inclemencia dun temporal que reclúe a toda a aldea no cálido acubillo dos seus fogares cando observa, nunha capeliña dedicada a San Fructuoso, que por unha físgoa do teito cae unha pingueira sobre o santiño, descolorándolle o pelo, a cara e o manto. E a devota freguesa, vendo tal estrago, foi xunto do señor abade para que busque quen bote unha presa de cemento nese teito; mais o crego adiou a demanda, que quen vai ir aló con este diluvio, que xa veremos para cando escampe se facemos un peditorio. E á mandadeira, aínda recoñecendo que o San Fructuoso non é dos máis eficaces intercesores da corte celestial, non lle pareceu cristiá tal resposta; e daquela foi xunto do labrego máis rico da aldea por ver se este, que dispoñía de homes do seu servicio, podía mandar a quen remediase aquela aldraxe. Pero o labrego, contrariado por aquel diluvio a destempo, ben abrigado e enxoito respondeulle de malas, que podendo o santo gobernar os astros, que os compoña, que por estas augas tiña el a semente perdida. Á devota veciña pareceulle a resposta dun soberbio, pero calou e foi rogando de porta en porta, pedindo un pouco de humanidade, e en todas partes escoitou desculpas e frases do tipo de que sendo el quen ten «a faca e o queixo», que se mude ou que pare a tempestade; ata que, cansa de pedir sen obter resposta, a bondadosa señora colleu un feixe de palla e teceu un capucho para protexelo da goteira. E ficou mirándoo, recoñecendo o farrapento e entroidado que ficaba, pero, dicía ela, que mentres a chuvia durase ninguén se molestaría en visitalo, e o corpo, alomenos, ficaba enxoito, e cando o tempo calmase, xa se procuraría outro remedio máis presentable para que o santo non perdese o creto.