«O segredo da vida é a humildade»

Xerardo Agrafoxo

BARBANZA

O pediatra Pepe Cal desenrolou a súa vida profesional en Vigo, onde trabou amizade con Méndez Ferrín, Alonso Montero e outros. Agora vive nunha casa do Cruceiro de Roo

23 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Nunha vella casa do Cruceiro de Roo, á beira da estrada que comunica a Serra de Outes co peirao de Muros, vive este pediatra que despois dunha longa vida profesional na cidade de Vigo, onde trabou amizade cos escritores Méndez Ferrín, Alonso Montero e Víctor Freixanes, decidiu retirarse a esta marxe da nosa ría. Cuartos adobiados con andeis ateigados de libros, cerámicas, esculturas, cadros onde xorden as figuras de Salvador Allende ou a inconfundible sinatura do poeta Rafael Alberti e unha horta esculpida polas súas mans e cumprida de árbores con nomes sonoros -cedros do Líbano, do Atlas ou do Himalaia- constitúen o refuxio deste home que, xunto coa súa dona Ita Atán, unha muller de ollada amable e transparente coma un liquidámbar, sempre acode aos actos convocados por Barbantia. Este home sempre se sentiu orgulloso da militancia comunista durante o franquismo. Unha andaina política motivada por algunhas sombras que o perseguiran durante a mocidade: «Xurdírame este compromiso porque vivira nunha casa onde os meus tíos maternos eran todos roxos. Tamén sufrín a perda dun amigo da facultade que morrera electrocutado cando intentaba visitar ao seu pai que estaba fuxido. A miña amizade posterior con Luciano, o irmán de Chonchiña -a muller do médico protagonista de O lapis do carpinteiro- acentuou o meu rexeitamento co franquismo imperante naquela época. Sempre penso que aquel compromiso me puido custar caro. Matinaba que algún día tería que emigrar cos cinco fillos ás costas». Desta afinidade cos comunistas, malia que sempre rexeitou o sistema soviético, vénlle a relación con dúas figuras privilexiadas da literatura española como foron Rafael Alberti e María Teresa León: «Visitámolos en Roma, no arrabalde do Trastevere, onde vivían despois de regresar do exilio arxentino. Lembro que partiramos para a capital italiana o mesmo día no que Carrero Blanco voaba polos ceos de Madrid. Unha circunstancia que lle causara admiración ao autor de Marinero en tierra . Durante quince días, grazas á estreita relación que gardaba con eles Mercedes Ruibal, gozamos da amizade daquelas persoas. Alberti era un home moi aberto e amigo de case todo o mundo. María Teresa semellaba unha muller dotada cunha gran tenrura». «Agora vivo no Cruceiro de Roo porque a min vaime o rural. Gardo boa relación cos veciños e dedico a meirande parte do tempo a escoitar música clásica, traballar na horta, realizar tarefas de canteiro e falar con Zoilo e Lúa, estes dous amigos que me acompañan sempre pola casa entre suaves ladridos e pasos lentos». Os anos de vida nesta casa do século XIX motiva que os veciños consideren a Pepe Cal, tal como nos confesa o seu entrañable amigo Manolo Mato, como un home de carácter afable, temperamento activo, austero nas formas e sempre disposto a axudar a quen necesite a súa axuda: «O segredo da vida, unha vez tidas as necesidades básicas cubertas, é ser humilde»". Amais destas calidades, que adornan a súa personalidade, aos socios de Barbantia sempre nos admirou o seu compromiso pola cultura: «Son unha persoa sedentaria, pero isto non impide que sempre acuda a apoiar as iniciativas tendentes a dignificar a nosa cultura e a coñecer a nosa historia. Neste aspecto síntome galeguista, tal como se pode confirmar na ficha policial que me abrira a policía de Vigo polas miñas actividades clandestinas: 'Galleguista y desafecto al Régimen'». Nós tamén asinamos esta sutil declaración de principios.