LINGUA PROLETARIA | O |

11 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

XULIO CÓNTANOS que esta semana preguntoulle aos seus alumnos qué debemos entender por un clásico; e a resposta que agardaba, e menos lle gustou, foi a de que os clásicos son os que teñen máis dun século. Resposta tan simple e ambigua é como aquela de Ionesco, cando asegura que é clásico todo verdadeiro creador. Agora haberá que saber a quen consideramos verdadeiro creador, se a quen escribe centos de volumes ou ó que cunha soa obra é capaz de facerse imprescindible. Por outra banda, ¿teñen os clásicos a mesma consideración en todas partes ou dependen do lugar ?. Feita esta salvidade, Xulio explica a diferenza coas obras que se consideran universais, aquelas que tanto se pode ler en Oriente como en Occidente, sen que perdan interese nin nos parezan exóticas. Unha obra clásica, segundo o criterio xeral, ademais, deberá ter o mesmo valor na época de Pericles ca hoxe en día, e dito isto, aparecen as dúbidas con tal definición, pois segundo ela, dentro do noso ámbito cultural poden ficar fóra obras tan imprescindibles para nós como o Guernica de Picasso ou os Cantares Galegos de Rosalía, polo que o meu amigo buscou na actualidade, e citou a novela Cen anos de soidade, que aínda non ten corenta anos, e aí está, ensinándonos a contemplar a realidade, como proba de que para ser un clásico non hai que contar os anos por séculos. Xulio tampouco quere poñer o nome de clásico a todo o que se escribiu, por exemplo, no Século de Ouro, e por iso contou que só do barroco español circula unha lista que supera os vinte mil autores, dos que, evidentemente, non quedan nos manuais de literatura máis dunha ducia, pois non sempre cumpren con aquilo que dicía André Guide: ser capaz de expresar o máximo co mínimo. Xulio, a medida que trataba o tema íase convencendo do difícil que é definir un clásico, como incluso non todas as boas obras o son, e optou por resumilo lembrando as palabras dun profesor: un clásico é, para cada un, o que manifesta os sentimentos sen que o tempo lles faga perder valor. Ao final da clase un cativo acercóuselle: Daquela, ¿quen son os clásicos?.