Mentiras documentais

BARBANZA

LINGUA PROLETARIA | O |

04 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

IMAXINADE QUE estamos no ano tres mil -por poñer unha data de referencia- e que somos uns historiadores que acabamos de encontrar o arquivo dun notario que viveu no ano 1980 -por poñer unha data que non ofenda a ninguén-, con grosos volumes ateigados de testamentos, actas de compravendas, rexistros de sociedades e todo tipo de papeis que nos falan da vida dos nosos antepasados. Imaxinade que ó cabo duns días, cando máis felices estamos cos cartapacios notariais, e as primeiras conclusións xa van ser publicadas en congresos e foros especializados, temos a sorte de atopar o arquivo dunha empresa coas nóminas dos seus empregados, e cos balances de gastos e ganancias. Imaxinade ó investigador que se molesta en contrastar os datos de ambos descubrimentos, e como de súpeto, se pon a facer números, a dubidar e a decatarse de que, segundo os documentos asinados e selados por persoas que xuraron ou prometeron o seu cargo sendo fieis á constitución e ás leis as cousas neste tempo non custan nada, que co salario dun obreiro non cualificado calquera es posible mercar un piso na rúa Maior de calquer cidade ou un solar en primeira liña de praia. -Estes tipos vivían que nin Deus, dirá o historiador do ano tres mil. Imaxinade a dúbida que aboiará nun futuro congreso de historiadores se para aquela, os ben pensados congresistas, non saben da inocente complicidade do notario, que nas compravendas pon o prezo que lle mandan que anote, quizais sen se decatar con esta acción das facilidades que así presta para darlle brancura ó diñeiro negro. -É que os notarios son de letras. -Eu somentes dou fe do que me din, non do que creo ou deixo de crer. Iso será o que afirmará o colexiado, con toda a razón do mundo, consciente, asemade, de que os futuros arqueólogos encontrarán máis verdades fitando vellos programas de crónica social que lendo os documentos asinados e rubricados por elementos adscritos a ilustrísimos colexios oficiais.