Rianxo é Rianxo

MANUEL TEIRA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

01 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

UN POBO, no fondo, é unha particular xuntanza de fenómenos que o conforman social e politicamente. ¿Dime con quen andas e direiche quen es? ¿De tal cuña, tal pau? Así é a sabedoría popular ben moída. Entón, sabemos se subimos ou baixamos. En Rianxo non teñen dúbidas, téñeno claro. Con esta afirmación recoñezo a miña especial afinidade por esa terra. Son humano. En todo caso, os veciños deste municipio son conscientes do que supón ser de Rianxo e rianxeiro ao mesmo tempo. Hai nesta cuestión un patrimonio cultural, arraigo da comunidade sobre os seus valores sociais e culturais. As iniciativas que está a tomar a corporación municipal en materia cultural parécenme sobresaíntes. O proxecto dunha academia literaria no municipio, apoiada polo Ministerio de Cultura, é xa un feito, que vai ter grande relevancia para os rianxeiros e para os galegos en xeral. A todo isto, a última proposta levada a pleno é un exercicio de intelixencia e amor ao pobo de Rianxo e dignifícao. A corporación acordou que as casas natais dos escritores Castelao, Manuel Antonio e Rafael Dieste fosen declaradas bens de interese cultural. Este xeito de saberse mirar, o afán por recuperar a memoria cultural e histórica dan mostra da responsabilidade dos rianxeiros co seu pasado e co seu futuro. Unha atitude que fará deste pobo unha referencia cultural. Barbanza en xeral non cohabita con este espírito cultural. Tampouco é dicir que ignoramos a cultura. Non é tanto así. Algúns legados culturais, digo Victoriano García Martí ou Carlos García Bayón, non espertan o interese dos seus concellos. A casa de García Martí está derruída. O legado que Bayón doou ao Concello de Ribeira, non digo que estea desaparecido, pero pouco menos. Isto sería extrapolable a outros concellos. A todo isto, Rianxo é Rianxo.