Un santo na feira

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

28 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

FOI NA feira dun pobo do interior do país onde encontrei, nun lugar apartado, sobre unha mesa de cámping, tres santos de feitura barroco-popular, expostos para a súa venda, e xa se sabe, nunha feira véndese de todo se hai quen o merque e quen o saiba vender. -Este San Antoniño curoulle a unha rapaza as verrugas. E, milagres que fai o santo, a cativa, de non ter quen a quixese, casou en tres meses -aseguroume o tendeiro ó verme mirándoos con detalle. Era aquela unha figura das que se coñecen como santos de pór, cunha asa por detrás, para que o sancristán o colla e sitúe sobre os ofrecidos mentres recita algunha das oracións a que obriga o ritual popular. -Non sabía que o San Antonio fose avogoso das verrugas. -Élle de todo, con tal de casar a unha moza. Estaba tentado de mercar a milagreira imaxe, mais pola historia que encerraba e polo que a imaxinación me ditaba, ca por ela mesma, pero adiantóuseme unha señora maior, que estaba detrás de min, pedíndolle prezo. -É que teño dúas verrugas que non se me dan ido -desculpouse ela mirándome cun aceno de sorriso. Correspondinlle e deixei que a muller fixese tratos para mercar aquela imaxe, produto seguro do furto dalgunha capela, posiblemente dalgún deses pazos que ficaron en mans de desposuídos caseiros, que se aprovisionaron das reliquias do pasado antes de que os propietarios montasen unha casa rural ou un restaurante enxebre. Está ben, pensei, se é por ben, que a leve; e marchei sen querer participar no roubo que, supoñía, se ía converter en timo. Pero cando saía do lugar escoito que chaman pola compradora antepoñéndolle o título de avoa, dúas rapazas entradas en anos, de roupas escasas e figura pouco agraciada. En fin, volvín dicir, se é para ben, ¿para que están os santos?.