LINGUA PROLETARIA | O |
07 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.POR MOR dun penalti discutible, pitado no mesmo intre en que don Vicente tocaba a campaíña de fin de recreo, o Virulillas enfadouse con media clase, retirando as súas credencias en forma de balón, e procurando o amparo de seu curmán o Outo, que nos levaba máis de dous anos a calquera de nós. Tan malo era falarlle, por se non entendía a boa intención do interlocutor, como non lle falar, por se tomaba a mal que non se contase con el. Tras a declaración unilateral do conflito, o Virulillas e o resto dos escolares camiñamos por vieiros de desencontro nos que, nin os alumnos politicamente máis correctos, podían estar tranquilos. Para evitar aquela tensión en que vivíamos de xeito practicamente constante, houbo algún que, en secreto, propúxolle ó Virulillas a formalización dun pacto: se non traía ó brazo armado do seu curmán á escola deixáballe copiar os problemas; pero daquela, amparándose no poder da forza e do medo, co Outo gardándolle as costas, colleu nun lugar solitario ó pacifista compañeiro e arrancoulle as follas dos deberes para levalas el. Tras aquel día aumentaron de xeito notable as diverxencias entre todos, e se alguén aceptaba tocar a pelota da discordia, era sinalado polo resto como aliado do inimigo. Isto foi así ata que o Virulillas, ó encontrarse completamente só, propuxo, co seu balón amparándolle o peito, unha tregua. Nese momento, Xulio, que xa daquela era listo coma un allo, díxolle que unha tregua só a marcan os matóns, pero non vale de nada se non se elimina a ameaza. O Xulio díxolle o seguinte: -Así que, fagamos un trato de paz. Ti deixas de ameazarnos e empurrarnos ó mangallón de teu curmán, e nós xogamos contigo e axudámosche cos problemas. O Virulillas era un pouco túzaro, e aínda véndose en minoría, facendo valer o único poder que tiña e todos temíamos, dixo que o ía consultar co seu curmán. E daquela aprendemos que non resulta nada doado facer negocios, pactos nin tratos cos abusóns.