Respecto de Cuíña Crespo

JOSÉ RODRÍGUEZ CABEZA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

30 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

A DERRADEIRA vez que tiven ocasión de saudar a Pepe Cuíña foi con motivo da inauguración que fixo da estación de autobuses pobrense, coido que polo verán de 2002. Viña acompañado de toda a parafernalia do PP da Coruña, xa que naqueles intres todo apuntaba a que o de Lalín era a persoa máis axeitada para liderar un proceso político galeguista sen rachar coa estructura autonómica do Estado. Coa perspectiva actual, pode que en tal séquito houbese algúns traidores e tránsfugas, coma pasara con aqueles compeñentes do triunvirato romano que asasinaran a Xulio César diante de todo o Senado. Descoñecendo eu a capacidade política que pode ter Núñez Feijoo para esta nova singladura do PP galego, fixen unha sondaxe entre persoas do PSOE e do BNG, apuntándome que eles estaban encantados con que Cuíña fose afastado deste proceso, o que vén a confirmar a tese de que o mellor candidato popular houbese sido este político que remataba os seus discursos con aquela entreñable frase: «Galicia, nai e señora». Descoñezo cales son as instruccións dos seis compromisarios do PP probrense para xaneiro, pero matino que algún alcalde tira máis cara Arteixo por certas cuestións persoais que dende a perspectiva dos intereses veciñais. Cousas que xa, na Roma imperial, acontecían. ¡Bo Nadal!.