O Agonio do Sol

BARBANZA

LINGUA PROLETARIA | O |

10 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

DECEMBRO É mes de días curtos, de noite prematura e de tempo inclemente, de medo ás enfermidades e aos campos ermos, que as sociedades de todos os tempos temían e polo que procuraban o amparo das súas divindades protectoras solicitándolle un sinal de esperanza. E os intercesores da divindade (menciñeiros, meigos, ou sacerdotes) argallaban, xa desde os tempos máis remotos, algún tipo de mito que xustificase a bondade dos deuses e o éxito da súa intercesión. Así, arredor do actual 11 de decembro, os romanos celebraban o Agonio do Sol, cun ritual herdado dos gregos, unha festa na que se lle levaban dous cabalos en ofrenda a Neptunio, que unha vez arroxados ao mar non aparecían en ningunha mallante, pois segundo a crenza popular, por causa dun complicado proceso, este deus regaláballos a Apolo, aquel que co seu carro transporta o sol a través da bóveda celeste. Aseguraban os mediadores divinos que, en canto Apolo xunguía os novos cabalos ao carro, xa se podía ver como o sol erguía un pouco máis no ceo, porque o deus ía ensinándolles o camiño e cada vez, aquel par de cabalos de refresco, subían un pouco máis alto, e a luz do día ía vencendo en duración ás tebras da noite. Era a medra dos días. Tal festexo romano viña coincidindo coa actual festividade de Santa Lucía, a santa que, segundo a haxiografía, se quitou os ollos para non ver o pecado deste mundo, e para afearse diante dun home que a pretendía; dicindo que así podía ver a verdade cos ollos da fe, e sen a influencia enganosa da vista (non creo que teña nada de certeiro crer sen comprobar, pero aí está a relixión para dicirnos que dos crédulos é o reino dos ceos). E os fieis cristiáns, herdeiros de tantos rituais romanos, mesturando o mito do Agonio do Sol coa festividade de Santa Lucía, declaran como certo que a partir do 13 de decembro empezan a medrar os días, cando é a partir do solsticio de inverno, e incluso na narración do mito, Apolo tivo que amansar os cabalos antes de xunguilos, aló polas Saturnais romanas, máis ou menos nas datas do Nadal.