LA LLAVE
26 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.DESCOÑEZO OS criterios que guiaron ao goberno de Boiro nas negociacións con Eroski para facerse coa finca da torre de Goiáns. Ben é certo que hai que dar unha marxe de confianza ao tripartito, pero paréceme que os negociadores do Concello levaron máis metidos na cabeza os seus programas electorais que o interese veciñal, o que non quere dicir que fixeran unha mala xestión porque non sempre a sociedade ten a razón, aínda que sexa maioritaria. Como o convenio só está moi avanzado pero non rematado, permítome a ousadía de suxerir á representación municipal que fíe fino e non se deixe levar polo inmediato, porque non só está en xogo acadar unha promesa de campaña senón o futuro urbano de Boiro, o crecemento da vila para facerse unha cidade ordeada, humanizada e cómoda para os seus veciños. As eivas urbanísticas non teñen arranxo, por iso hai que prevelas e evitalas.