En directo | Charla de Queizán A escritora cre que os orzamentos do Estado non chegarían para pagarlle ás mulleres o traballo físico e psicolóxico que realizan cada día no fogar
20 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.Foi presentada pola directora do Bacherelato de Artes de Boiro, Inmaculada Robleda, como unha feminista nata, e a escritora María Xosé Queizán fíxose merecedora deste calificativo. Usando diversos exemplos, amosou aos asistentes o traballo que realizan as mulleres no fogar, labor que, ao seu entender, non podería pagarse nin cos presupostos estatais. «Sería difícil pagar a misión que realiza a muller como pano de lágrimas, como inspiración dos poetas ou a nivel sexual, xa que os homes fóra da casa teñen que pagar», comentou. Queizán tamén se referiu á faceta economista das mulleres á hora de administrar o fogar, e á reproductora: «O pai ten familia, pero non ten cargas. As mulleres botamos de menos unha esposa que nos dea todo feito». Como exemplos da incansable labor que levan a cabo as féminas, a escritora puxo a afamada película de Fernando de León: «As mulleres nunca poderían protagonizar un filme como Los lunes al sol , porque elas non están ao sol nin os luns, nin o resto da semana». Foi máis alá, e referiuse a unha noticia que escoitou recentemente, despois de que un surfista fora salvado grazas a un home que estaba mirando pola ventana e, ao ver que se atopaba en perigo, alertou aos servizos de emerxencia: «Naturalmente, tiña que ser un home o que avisara, porque unha muller nunca estaría ás once da mañá asomada á ventana». Queizán está convencida de que as mulleres foron as que sacaron Galicia adiante e que o país ten unha débeda histórica con elas. Pero considera que non se pode saldar con palabra bonitas, «diso temos bastante», senón con diñeiro, con postos de traballo e con facilidades para estudar e para ascender a nivel laboral.