¿Urbanismo?

JOSÉ RODRÍGUEZ CABEZA

BARBANZA

DESDE FÓRA | O |

14 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

QUE SE está perdendo o sentido do espacio social e arquitectónico é unha realidade que todos asumen e ninguén arranxa, esquecendo que o desenrolo harmónico das cidades, aldeas e vilas está totalmente vencellado co seu urbanismo. Así, non ten o mesmo encanto mercar nas feiras de Noia, entre soportais, arcadas e patíns, que no recheo de Ribeira, como tampouco tomar un piscolabis no pouco que queda do Muros antigo ollando o mar, que nas terrazas de Boiro. Certo é que, hoxe en día, non se pode construir desbotando o ladrillo, pero tamén é certo que o uso de novos materiais non está rifado cunha boa planificación urbanística e unha axeitada estética. Case todos coñecemos o feitizo de tomar uns viños na rúa do Franco, coma camiñar polos espacios cubertos, chova ou faga sol, ollando os escaparates santiagueses. Pois ben, ¿qué impide que a nova arquitectura contemple soportais ou que nas esquinas haxa chafláns para a seguridade viaria, sen que teñas que camiñar cun pé dentro e o outro fora de estreitas beirarrúas? Como tampouco se pode entender que se permitan edificacións de varios andares sen ascensores, que son xaulas de futuro, ou que se descuiden as ramplas, que facilitan, además do desenvolvemento das persoas en cadeira de rodas, o traballo dos repartidores de mercadorías ou percorrido dos carriños dos nenos de teta e dos vellos desgastados polo devir dos anos. O home, dende a súa orixe máis primixenia, foi quen de ir, contra natura, complacendo as súas necesidades e comenencias, o que nos debería facer reflexionar si a arquitectura debe seguir sendo a expresión -do home- sobre a naturaza ou si, pola contra, debería ser unha resposta á realidade do lugar onde se sitúa. Complexo asunto mentres ande polo medio o tres por cento, ¿ou máis?