¿Está a resposta no vento?

BARBANZA

LINGUA PROLETARIA | O |

01 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

DYLAN PREGUNTABA con voz melodiosa, ¿cantos mares debe surcar a branca pomba antes de durmir sobre a area?, ¿cantas veces deben voar as balas do canón antes de ser prohibidas para sempre?, ¿cantos oídos debe ter o home para non escoitar á xente chorar? -Amigo Xurxo, a resposta está flotando no vento. A ninguén, con dous dedos de fronte, lle agrada facer leña da árbore caída, pero as reviravoltas da vida fannos pensar aos máis ateos se, por aí por arriba, non haberá algún barbudo que de vez en cando se digna en baixarlle os fumes aos soberbios e a quen non quere caldo dalle dúas cuncas: levaches o lume ao deserto e agora un diluvio bíblico asolaga a túa casa. Fachendeabas de ser inmune a toda catástrofe, e non sabías aquilo que din os nosos paisanos, de máis corrente é o receitar que o curar. Un furacán é un desastre que ninguén lle desexa nin ao maior inimigo, porque é unha desgraza para os máis vulnerables, pero, ¿servirá para que os vaidosos aprendan a non vivir mirando para o embigo?. ¿Era necesario tanto mal para coñecer a verdadeira miseria dun país manexado polos brokers da neoiorquina rúa do muro, onde se estrela a mesquindade dos prepotentes?. A soberbia confunde os termos que nos fan máis libres, e chámanlle covarde ao pacifista, e pensa que ser solidario é comerlle o tarro a quen non pensa ou reza ou lee a vida coma nós. O soberbio non entende da grandeza da diferencia, e de que esta nos fai ser máis persoas. Non entende que os soldados pistoleiros sobran en calquera país do mundo, pero necesítanse militares solidarios para atender aos necesitados, sexan estes os negros de Nova Orleáns ou os de Etiopía. Non, Deus non existe, porque ningún deus pode ser tan mala persoa; pero existe a desgraza inesperada e a casualidade malvada que tanto teme o terceiro mundo. O señor Xurxo non sabe que o os poemas de Dylan fixeron máis polo seu país que este cawboy de casco e metralleta. E ó final, na casa do ferreiro coitelo de pao.