Reportaje | Masiva afluencia á romaría de Santa Minia Máis de 12.000 romeiros acudiron onte a Brión no día grande das festas
27 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.O culto por Santa Minia de Brión non decrece, e para mostra a masiva afluencia de romeiros onte no día grande dunhas festas que ata a chuvia lle tivo o seu respecto e na carballeira apenas se deixou sentir ese orballo caído pola mañán. Segundo fontes da organización, durante a xornada por excelencia da popular romaría brionesa calculan que foron máis de 12.000 as persoas chegadas desde tódolos puntos de Galicia que pasaron pola carballeira que leva o mesmo nome que os restos da mártir traída desde Roma. Os maiores problemas na circulación de acceso a Brión déronse a partir das dez da mañán. Garda Civil de Tráfico e Protección Civil traballaron arreo para garantir a fluidez do tráfico desde a estrada de Noia, mentras que en dirección a Negreira estivo cortado xa desde o domingo. O Concello de Brión habilitou tres grandes zonas de aparcamento, das cales, segundo Ismael Núñez, coordinador de Protección Civil «só tivemos que utilizar dous con capacidade para 1.000 vehículos», ó marxe dos estacionamentos reservados para autobuses, dos cales entre a mañán e a tarde foron contabilizados preto de sesenta. Asimesmo, a xornada transcorreu con normalidade e non houbo que lamentar demasiadas incidencias. Tan só dúas persoas tiveron que ser trasladadas ata o Hospital Clínico de Santiago, unha muller con mareos e un home que se cortou nunha man cando se atopaba nunha pulpeira. En total, onte foron desplegados 24 efectivos entre voluntarios de Protección Civil e membros de Emerxencias de Brión, así como seis efectivos da Cruz Vermella de Santiago. Durante o día grande da romaría, a capela de Santa Minia, onde se gardan nunha urna de cristal os restos incorruptos da xoven mártir romana, foron miles de persoas as que desfilaron polo seu interior para depositar figuras de cera e donativos para á santa, amén doutros que aínda co paso do tempo, piden ou agradecen os favores da santiña de distintas formas, como dar unha volta de xeonllos ao templo. Pola mañán chegaron a rexistrarse colas de cen metros para acceder ao seu interior. E como xa vén sendo habitual nos últimos anos, os oficios relixiosos non se celebran no propio santuario, senón nunha gran carpa instalada para a ocasión na finca da casa rectoral, por onde onte desfilaron os miles de devotos para escoitar algunha das numerosas misas. Sen embargo, a parte máis lúdica da festa concentrouse na propia carballeira. Tras asistir ás misas, os romeiros cumpren coa tradición de xantar o pulpo á feira que desde hai máis de sesenta anos sérvese nas pulpeiras instaladas no recinto. Segundo algúns propietarios, a romaría deste ano foi «moi boa», dado que a meirande parte delas traballaron arreo durante os tres días de festas, destacando o domingo e a noite do luns, onde desde as sete da tarde as pulpeiras estiveron ateigadas de xente para degustar o rico cefálopodo acompañado dun bo viño de Barrantes ou de país de Bastavales.