Outra vez

MANUEL TEIRA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

24 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

ENTRE AS moitas cousas que podemos medir, sen dúbida, é a maldade, a que ten graos cuantitativos e irreparables. Ruín e devastadora, as súas consecuencias marcan de xeito terrible a quen a padece. Penso e miro. Teño a miña montaña, a nosa montaña, e noto coma un deserto de cinza me vai comendo o corazón. Outra vez, arde Galicia, arde Barbanza, todo é unha sinfonía de lume que o arrasa todo. Quéimanme estas palabras que escribo. Supoño que o problema dos incendios é complexo, ou debe de selo polos moitos anos que os nosos montes levan ardendo e sen que naide sexa capaz de atallar este inferno. A estas alturas, a orixe dos incendios non está nada clara. Hai pirómanos, aínda que coido que esta non é a única causa pola que arden os nosos montes. Primeiro: as Administracións viráronlle as costas ao noso monte. Precisamos investir nel. Reequilibrar o presuposto e acometer a súa planificación. Reorganizar as comunidades de montes, os concellos, os propietarios privados (asunto este máis complicado). O monte debe de ser unha cuestión preferente. Iso, unha cuestión de Estado. Co verán, a previsión e a vixilancia son fundamentais. O traballo debe estar feito. Nalgúns países europeos, os ultralixeiros xogan un papel determinante na localización dos lumes. O monte é libre, aínda que esta liberdade rematará controlando o acceso a estes territorios. Non teño a solución. Haberá, outra vez.