LINGUA PROLETARIA | O |
06 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.FALÁBAMOS ESTES días atrás da desgracia do cebo humano usado para protexer a uns desdichados á conta de outros; aquela patera condenada a naufragar para que mentres o servicio de salvamento se ocupaba en rescatalos, os outros tocasen terra sen atranco para poder fuxir polas estradas da esperanza; e volvín falar do tema hai uns días en Madrid, despois dunha reunión tecnolóxica, con compañeiros de distintos puntos da península, cando un deles, andaluz de nacemento e domicilio, me asegurou que, moitas veces, esas pateras que aparecen á deriva, medio afundidas e con algún que outro cadáver empapado en salseiros, non son o cebo para salvar ou protexer a uns parias con "sorte", senón o cebo que os narcotraficantes usan para entreter á Garda Civil mentres por outro lado pasan e desembarcan un cargamento de haxix. Non sei que pensar. Hai cousas que é obrigado velas para crelas, a pesar de que tamén sei que o mal e a maldade existen vestidos de mil formas. Hai anos tamén dicían que os nosos montes queimábanos os narcotraficantes para entreter á Garda Civil mentres descargaban o tabaco. ¿E agora?, ¿son os madeireiros?, ¿son os gandeiros?, ¿son os especuladores do terreo?. Teorías non faltan. ¿Quérese dicir que cando se legalice a maría , se ocurre, van diminuír as pateras? Supoño que non, porque sempre haberá unha clasificación de países ordenados por renda per capita, por PIB ou por balanza de pagos, e cando no sexa o haxix será outra cousa a que valla máis ca un grupo de desafortunados. De todas formas, o aviso está aí, a desconfianza flota no aire, a verdade no a sei... esa é a que hai que buscar.