LINGUA PROLETARIA | O |
23 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.UNHA NOITE, paseando polo barrio latino de París, Samuel Becket encontrouse cun descoñecido que, sen mediar palabra, cravoulle un coitelo. Por sorte para o dramaturgo, a ferida non foi mortal, e cando se recuperou, foi á cadea para coñecer ao seu agresor e saber por que o atacara de tal maneira; e aquel, con toda a calma do mundo, pronuncia esa frase que se fixo famosa no teatro de vangarda: «Je ne sais pas, monsieur», e que o dramaturgo usará posteriormente nunha pasaxe de Esperando a Godot , a grande obra do teatro na que non pasa nada, na que o único que hai é unha eterna espera de alguén (ou algo) que ao final non vén. O absurdo de facer cousas sen saber por que, xa sexa por rutina ou por tedio é tal, que ao común da xente, aos cidadáns de ben, aos equilibrados señores con horario e compromisos sociais nos custa moito entender, e sen embargo, ¿cantas cousas absurdas facemos ao cabo do día sen motivo nin razón que as xustifique? Esperando a Godot , aínda é hoxe unha obra que as mentes analíticas do gran público non acaban de entender se non se le antes o prólogo ou un experto nos explica o sentido dos símbolos que aparecen en escena, a razón desa espera por un tal Godot (God é deus en inglés), dalguén que non se preocupa de quen o agarda, que pasa de todo. O curioso é que, cando esta obra foi representada para os reclusos da cadea de San Quintín, no ano 57, tivo un éxito rotundo. Os presos, que despois de vela houberon de contestar unha enquisa, demostraron que, posiblemente pola súa condición marxinal, ou pola situación na que estaban, entendían perfectamente o significado desa espera inútil sen poder facer nada para propiciar a chegada do ansiado Godot, dese salvador, desa esperanza, que sempre está por vir e non dá chegado.