DENDE FÓRA | O |
22 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.DE CANDO en vez saen nos xornais certos pobos porque teñen un tal Farruquiño que acostuma facer algunha ocorrente falcatruada de anecdótico salientamento que lle pon un pouco de chispa á información xeral, chispa ben distinta á que fixo prender o lume en Riba de Saelices co resultado de once persoas mortas, centos de miles de ferrados de monte queimados e outro ecosistema máis desaparecido. A única causa, ¡faltaría máis!, seica é imputable a uns desalmados que tiveron a mala sorte de querer gozar da natureza, como me pasa a min na Curota, e que cometeron un imperdoable erro que leva aparellado o cárcere, xa que tal feito, no Código Penal, consideráse un homicidio por imprudencia. ¡Toma Moreno! Pois eu coido que estes excursionistas non son nin os culpables nin os desalmados que tiñan que rematar na cadea, senón, por esta orde e acusados de homicidio por incompetencia, os seguintes: En primeiro lugar os alcaldes que, por cobardía, demagoxia e mal goberno non fan uso das súas facultades legais, como a de dictar bandos que obriguen a que os propietarios limpen os seus montes. E despois estarían os presidentes das autonomías que, cos mesmos cualificativos, non son capaces de facer políticas medio ambientais axeitadas á realidade de cada territorio. Rematando co presidente do goberno español por rachar, en vez de cohesionar, as estructuras do Estado.