Árdelle o eixe

MANUEL TEIRA

BARBANZA

DESDE FUERA | O |

13 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

CHEGOU A calor. O verán feito e dereito. Tempo este no que todo se multiplica, ou mellor, todo se satura. Na nosa somarca do Barbanza a poboación medra e somos moitos máis dos que en realidade somos. Asistimos a unha especie de milagre da natalidade, aínda que neste caso, esa natalidade xa ande ben entrada en anos. Somos máis, e iso da conta de que existimos. Non teño nada de claro se este tempo estival é ideal ou non. Sexa como sexa, estatísticamente parece ser o mellor tempo dos posibles. O verán axuda a votar fóra os demos que durante o ano levamos dentro. É bo aliviar, soltar lastre. Esquecerse que por uns días, un case é libre, deixar de lado o traballo, e pensar, que o sufrido non foi máis que un pesadelo. Este tempo é para vivilo. Barbanza mellora ano a ano. Dálle aos visitantes a posibilidade de percorrer a súa xeografía singular, e saber, que os nosos concellos existen. Eu que son aborixe, móvome pouco, aínda así, arrástranme, e son un máis deses miles de persoas que van dun lado a outro. Sorprendeume a festa medieval de Noia, gustoume, coido que é unha idea interesante, con feitos así, un pobo resucita e rabuña aquilo que o inverso te nega. Outros eventos tamén están aí. Cabo de Cruz, Rianxo, Aguiño, Porto do Son, Xuño, e máis, que un xa non acorda. Tampouco non nos enganemos, non están todos os que son nin todos os que están. Barbanza axuda a desfrutar, a esquecerse da escravitude e a vivir as esencias desta terra singular. Árdelle o eixe.