Alegoría

MAXI OLARIAGA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

12 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

O ESTIAXE é un tempo de aroma e alavio bravú. Rondan nas pereiras o arnal e a víbora a alimentarse de sol e a calor sobre a súa faciana cunha saba azul tendida sobor das rías. Reve o asfalto un suor de betume negro e chora a pedra dos cruceiros lágrimas grises ao paso dos coches, brilantes coma dardos de prata, polo incerto camiño da vida e a morte. Dende as cumes do Iroite ou de San Lois, alevíñanse unha vaga a se mover irisando miles de cores. Unha inmensa pedra de abalar de carne humana ingrávida, sen ponto de apoio sobor dos areais de Boa, de Ornanda ou de Aguieira. É a humanidade buscando o repouso no ruído, percurando a paz no mesmo centro da batalla. É a humanidade fuxindo de sí mesma a confluír nun inzo inmesurable ateigado de risos e de pranto. Vista disda as outuras do monte aquela vaga humana acurrulada contra o mar, evoca ao povo de Israel acosado polo grande Faraón de Exipto. Pero eiquí non se han abrir as augas disda a punta de Boa ata A Eiroa. Eiquí os homes e as mulleres coa súa prole, cos seus equipamentos, han pasar nun camiñar mecánico sobor dunha ponte máxica que xurdirá do azul para matalo. Soíños un viraventos e máis eu, desde as cumes do Iroite e do San Lois adiviñamos o pavor e o desvalimento da multitude atrapada no areal bruñido e enganoso coma un espello de ouro falso.