DENDE FÓRA | O |
29 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.UNHA SEMANA é moito agardar. A verdade é que na historia unha semana non é nada, por isto mesmo me tranquilizo. Eu que non teño televexo nin radio, nin son subscritor de ningún medio tardei en sabelo. Soubeno hoxe pola mañá, ao votar man do xornal que, por certo, grazas ao distribuidor queda sempre enriba do tellado do patio e hoxe a choiva cebouse nel. Aínda así, ler lin o que eu agardaba. Todo o que foi incerteza e prognósticos varios e variados remataron na maioría do voto progresista. Entón, a estas alturas xa non está todo coma estaba. Algo mudou no panorama da política galega. O sistema democrático vai facilitar que o goberno de Fraga Iribarne teña que conformarse con pasar á oposición os próximos catro anos. Non hai discusión. A maioría goberna. Non deixa de ser divertido que o señor Trillo diga que o lóxico sería que a lista máis votada fose a que gobernara. Perdón, goberna quen máis votos ten. Neste caso o PSOE e o BNG suman máis votos que o PP. Por isto mesmo, o goberno que saia da investidura debe de ser progresista. O PP tivo nestes anos de goberno desenfoques graves que contribuiron a facer da nosa comunidade unha das máis atravesadas do Estado. ¿Sería éste o modelo de Mariano Rajoy? Sexa o que sexa, neste pacto entre partido socialista e Bloque, o sentido común é o bo facer debe ser determinante de cara á sociedade e ao futuro do país. Por iso, pasou o que pasou.