LINGUA PROLETARIA | O |
04 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.DURANTE UNHA charla, tiven a ousadía de asegurar que, o primeiro emigrante galego coñecido que fixo fortuna en América foi o Beato Sebastián de Aparicio, cun negocio que encetou pasmando aos indíxenas coa introducción da roda no novo continente e logo continuou cunha próspera empresa dedicada á fabricación de carros e carretas, que comezaron a rodar polas terras recén descubertas no século dezaseis. O malo da inmensa fortuna acadada polo Beato é que non serviu para remediar os problemas da súa terra, nin sequera para mellorar as condicións de vida de súas irmáns, labregas e sufridoras, esquecidas nunha aldea da Gudiña; e todo o que gañou ao longo dunha vida de traballo e privacións, despois de quedar viúvo por dúas veces e sen fillos, cando decidiu retirarse, cedeullo a un convento de dominicos, co lexítimo interese de que lle desen unha cela onde descansar o resto da vida. E os freires non só lle deron o que pedía tan grande benfeitor, senón que, ademais, propuxérono para a santidade, o único que súas irmáns non podían darlle se decidise volver á súa terra, como tampouco lle poderían dar ese título de patrón dos emigrantes galegos con que foi diferenciado no santoral. Desde aquela, os camiños da emigración galega multiplicaron rotas aos catro ventos (cuarta arriba, cuarta abaixo, que diría un patrón de altura) creando triunfadores e fracasados, ricachos ou simples superviventes, que empregaron a vida en pensar nunha xubilación sen coitas, mentres este amado país segue exportando man de obra e licenciaturas universitarias, e aquí só quedan casas apuntaladas por pensionistas.