A mellor receita

JOSÉ RODRÍGUEZ CABEZA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

20 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

NA CIDADE de Vigo reuníronse, a primeiros deste mes, un chinés, un holandés, un finlandés e un italiano, todos eles especialistas en temas de economía rexional, para aconsellarnos que debería facerse en Galicia para saír do noso subdesenvolvemento en comparanza con outras zonas. Como eu non dispoño de cen mil euros, que por tales menesteres sei que cobran algún deles, falei, para contrastar cos criterios de tales expertos, co meu veciño Vicente, que é un home de reflexión e que, ademais, fala sen cobrar. Expúxenlle que nunha finca de trigo ou millo de Mazaricos podía agocharse un home de pé, e que cada espiga triplicaba ás de Castela, que certos viños de Cespón, Xuño ou Cures nada teñen que envexar aos mellores de España ou Francia, que as leitugas do Xobre pobrense son baratas, de calidade e saben a gloria e que os limóns das Rías Baixas son moi codiciados polos mellores restauradores, por non falar das nosas carnes de vacún, peixes, mariscos e demais productos da nosa terra. Díxome que entón non entendía a situación galega. Eu resposteille que tampouco. Segundo o xaponés Keniche Ohmae, se en China un alcalde non fai medrar a economía do seu concello nun 7% cada ano, é destituido. ¡Iso é o que se debería facer para arranxar os nosos problemas! ¿Levará esta receita algún partido político no seu programa electoral do vindeiro 19 de xuño?.