A venda de libros en galego segue a perder cota de mercado no Barbanza

Chechu López RIBEIRA

BARBANZA

A venda de libros escritos en galego nas librarías do Barbanza é case testimonial, según indicaron algúns propietarios destes establecementos. Engadiron que nos últimos cinco anos continuou a perda de cota de mercado, dun xeito moito máis pronunciado que con anterioridade. Os libreiros suliñaron que durante as xornadas que xa transcurriron do mes de maio, pese á celebración do Día das Letras Galegas, non houbo un aumento na comercialización destas publicacións, nin no ritmo de peticións especiais. A maioría dos donos das tendas especializadas nos diversos tipos de literatura sinalaron que en ningunha época do ano se comproba unha maior animación por esta lectura. Agregaron que incluso nos últimos tempos estase a notar unha baixada das vendas, e que tan só se manteñen cos libros de lectura obrigatoria nos centros educativos e cos compradores habituais. Precisamente, é no libro infantil e xuvenil onde estos comerciantes pensan que se están a volcar as editoriais. Saturación Algúns libreiros apuntaron como unha das razóns da situación que o mercado do libro en galego está moi saturado, con numerosas editoriais e distribuidoras. Outros manifestaron que a xente está acostumada a ler en castelán, «ademais de que pensan que lles é máis cómodo e intelixible». Tamén argumentaron que desde as institucións non se fan moitos esforzos por difundir a literatura en galego. O presidente da Asociación Galega de Editores Miguel Anxo Fernán-Vello, afirmou que unha gran preocupación que teñen é a escasa presenza das novidades editoriais en galego nos escaparates. Suliñou que nas vésperas do Día das Letras Galegas constatou que estas publicacións non supoñían nin o 5% do material exposto ao público. Dixo que «estamos á cola na compra de publicacións, con 1,1 libros por habitante, e incluso a súa presenza nas bibliotecas está por debaixo do 1,5 por veciño». Expuso que na feira do libro de Bolonia recoñeceuse a creación en galego, con exemplares de literatura infantil e xuvenil. Non cre que haxa saturación, «pois do 2001 ao 2003 descendeu a edición de libros en máis dun centenar, ademais de que disminuiu a tirada por cada título», engadiu. Precisou que iso traduciuse na baixada do 25% na facturación do sector. De costas O presidente pensa que a situación na que a sociedade lle dá as costas ao libro en galego é preocupante. Recordou que a Consellería de Cultura creou a Mesa do Libro, que en seis meses de traballo aprobou dous borradores da Lei do Libro e a Lectura e a Lei de Bibliotecas, e aínda que agora están nun impás tralo adianto electoral, ten moitas esperanzas postas neses documentos. A xuízo de Fernán-Vello «o libro debe de formar parte dunha cadea de coñecementos. Un cidadán que pretenda ter unha calidade de vida debe gardar un lugar importante para os libros, como un índice de benestar».