Nado nun pobo mariñeiro como Porto do Son en 1948, o seu primeiro traballo tratou sobre o mundo que coñecera dende neno, pero serviu para abrir portas na antropoloxía do mar. O libro La cultura de un pueblo marinero: Porto do Son foi editado pola Universidade de Santiago en 1978. Logo virían outros traballos aínda sobre o mesmo tema, caso de As artes de pesca , aparecido en 1980; Xentes do mar. Traballos, tradicións e costumes, en 1996, Fainas do mar. Vida e trabalho no litoral norte, de 1999. Pero foi a prehistoria a que o converteu de xeito indiscutible nun dos nomes esenciais dos estudos galegos, tanto nos traballos de grande rigor histórico como noutros que pretenden unha maior divulgación. Obras como A cultura castrexa, de 1993. e as publicacións como Castro de Baroña son referentes ineludibles no estudo da prehistoria galega e serviron para que centos de persoas entenderan un dos monumentos emblemáticos do Barbanza. Quizais a súa obra fundamental neste eido sexa A plástica da cultura castrexa galego-portuguesa , que apareceu en 1994. A carón dos libros e folletos moitos artigos especializados, mesmo en inglés, foron aparecendoen revistas como Gallaecia , Boletín Auriense e a Revista de Guimarães . Os seus traballos de investigación levárono a conseguir o Premio Antón Losada Diéguez, en 1995. E do estudo do mar e da prehistoria á creación literaria, á narrativa, terreo no que gañou os premios de relato Roberto Blanco Torres, no 2000, e o Manuel Rodríguez López, no 2001. O humor e a riqueza lingüística son características presentes en todos os contos reunidos no volume Salseiros , que apareceu no ano 2001. O mar, os costumes populares, a Guerra Civil son temas moi presentes na obra.