Comercio marítimo entre Vigo e Porto do Son no século XX

Manuel Mariño del Río

BARBANZA

As travesías facíanse por medio do balandro «María Teresa» e da motora «Montelouro»

28 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

A partir de 1924 o comercio de Porto do Son subministrábase a través do porto de Vigo. O transporte xestionábase directamente no Pósito de Pescadores, constituído o ano anterior. As mercadorías eran transportadas polos barcos Montelouro e María Teresa . A motora Montelouro fora construída en Porto do Son polo mestre carpinteiro de ribeira José Tomé. Medía 23,70 metros de eslora e ía patroneada por José Benito Álvarez. O María Teresa era un balandro de dous paus que fora construído nos estaleiros do Freixo con madeira de carballo, piñeiro do país e cravazón de ferro galvanizado, baixo a dirección do mestre carpinteiro de ribeira Francisco Romero. Do arqueo practicado polo perito inspector de buques da provincia marítima resultou ter unha eslora de 14,36 metros, manga 4,85 e puntal 1,73. Desprazaba un total de 23,40 toneladas. Levaba unha soa cuberta forrada en madeira e remataba nunha popa elíptica. Custara 5.000 pesetas e pertencía en propiedade e a partes iguais a Francisco e Domingo Romero Froján, José Vara Caamaño e José García Montes, veciños de Sabardes os tres primeiros, e de Róo, o último. Foi inscrito o 17 de xuño de 1921 co folio 201 da segunda lista do distrito de Noia. Logo deste trámite preceptivo para facerse ó mar comezou a súa andaina polas costas galegas. Venta da nave O 27 de outubro de 1923 Francisco e Domingo Romero venderon as súas partes do barco ó veciño de Camariñas, José García Pereira, en 4.000 pesetas. Este á súa vez vendeulle o medio barco recén adquirido a José Calo Brión, veciño de Porto do Son, en 3.500 pesetas. A outra metade da que eran propietarios José Vara e José García foi vendida pouco despois a Manuel Calo Brión en 2.000 pesetas. Dese xeito, en xaneiro de 1924 o María Teresa xa pertencía ós irmáns José e Manuel Calo Brión, veciños de Porto do Son. Este último sería o seu patrón. A partir daquela o María Teresa facía constantes viaxes á cidade de Vigo levando, e sobre todo traendo, gran cantidade de mercadorías. A comezos do ano 1929, nun día de mal tempo, cando realizaba a manobra de entrada no peirao -aquí chamado Comboa- foi arrastrado por varios golpes de mar contra as rochas do Peito abríndolle unha importante fenda na parte inferior do casco provocando que a auga anegara rapidamente as súas adegas. Logo do seu embarrancado, parte da súa carga quedaría espallada polo mar. As tarefas de reflotación resultaron tremendamente laboriosas. Para acadalo empregouse a forza de varios carros do país. Desde terra turraban grupos de persoas. Este primeiro intento resultou infrutuoso. Cando melloraron as condicións meteorolóxicas realizouse un novo intento aproveitando o repunte da marea. Previamente introducíranselle varios bocois baleiros nas súas adegas. Paralelamente, un amplo grupo de persoas turraron desde terra cunhas cordas. Tras arduos esforzos o barco flotou de novo. Entre as persoas que tiraron desde terra había unha ampla representación feminina. Aquel feito deu orixe a unha copla popular que dicía así: «O María Teresa/ embarrancou no Peito;/ dixeron os homes/ que estaba ben feito./ Houbo unha vergonza/ no Porto do Son,/ turraron as mulleres/ e os homes non». O comandante de Mariña da provincia, por decreto de 10 de abril, autorizou a reparación das fendas ocasionadas no casco do barco. Empregouse o mesmo tipo de materiais cos que fora construído cun custo de 500 pesetas. Os xornais investidos sumaron outras 500 pesetas polo que o amaño do balandro custou 1.000 pesetas. Unha vez recoñecido polo perito inspector, o buque foi autorizado para a navegación o 16 de agosto dese ano, 1929. O patrón do barco enfermaría ó pouco tempo e falecería, quedando a cargo do seu irmán, José. A partir daquel suceso ó María Teresa engadíuselle un motor auxiliar e continuou o servizo que non abandonaría ata o 15 de outubro de 1959, cando quedou amarrado ó peirao vello da Comboa e alí foise consumindo paseniñamente ata ser despezado. Foi dado de baixa o 13 de decembro de 1979.