DENDE FÓRA | O |
15 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.HAI COINCIDENCIA xeral de que aquela tanda de políticos paridos do franquismo e do antifranquismo foron o mellor que se coñece dende que Adolfo Suárez levara adiante a transición. Na nosa bisbarra, naqueles tempos, alcaldes e concelleiros de grata lembranza tamén houbo, que hoxe non é tan doado atopar. Porque, dende entón, a clase política foi perdendo valores tales como o compromiso, a honestidade ou, mesmo, as conviccións, o que se traduce na perda da solidariedade coas xentes e cos pobos. Segundo o periodista Raúl Rivero, entre os obreiros cubanos hai unha frase que dí: «O goberno fai como que nos paga e nós facemos como que traballamos». A diferencia está en que aquí, aínda que fagan como que traballan, si cobran. Pero tal perda de confianza e credibilidade nas cousas públicas trasladouse a moitos outros sectores que, ata agora, sempre merecían respecto. Dicía o polifacético Gregorio Marañón: «Quen diante dun enfermo actúe, sabendo que traballa con instrumentos imperfectos e con medios de utilización insegura, pero coa conciencia certa de que ata onde non pode chegar a sabeduría, chega sempre o amor, sempre acerta». Así facían aqueles políticos, mestres ou funcionarios, dende Carnota a Rianxo ou de Padrón a Ribeira. Parodiando a García Bayón: «¡Que estampas do tempo ido!».