LINGUA PROLETARIA | O |
12 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.A VIRTUDE da puntualidade é algo que non se estila. Incluso no momento solemne dunha voda, segundo as normas de conducta e bos modais, o noivo debe agardar pola noiva na porta da igrexa, para que non se diga que a ela lle ferve o unto. ¿E el?. Que conten eles da súa experiencia de agardadores dando voltas polo adro, revestidos de ollos criticadores, sen saber onde poñer as mans, os pés e a cabeza; a eles si que lles ferve o unto cando, precisamente, non son os que van pasar por esta porta para presumir de vestido. Pero ¡agardar elas! Iso si que é unha catástrofe. Ela, que debería chegar alomenos media hora antes para lucir o vestido, o ramo e o tocado, faise desexar e non se deixa ver. Así me sinto hoxe: como un noivo madrugador. A cita que agardo non chega e o móbil non fai nin un aceno para xustificar a súa ausencia. E ti, Carliños, non podes dicir que non tes o meu número. Pérez Lugín, nunha argallada súa para criticar este afán de non ser o primeiro para que non se diga, conta, en La casa de la Troya como se suspende un baile de sociedade porque, as boas e cautas mozas da burguesía santiaguesa, non querendo ser ningunha a primeira en entrar (para que non se diga), pasaron a noite paseando rúa arriba rúa abaixo fronte á porta do salón e deixaron ós mozos plantados, afogando as penas da ausencia en cuncas de ponche. A falta de puntualidade, que tanto nos molesta ós que temos que agardar, é unha virtude para os impuntuais: tardan os importantes e chegan cedo os que non teñen nada que facer. Pero, amigo Carlos, quen agarda tamén ten cousas que facer, e eu tiña unha cita posterior con Afonso, por mor do asunto do seguro. Para que non se diga. Como en todas as tardanzas, ó principio agocho o enfado con desculpas sobre o tardeiro cavilando en se a culpa non será dos tan socorridos problemas de tráfico, culpables algunhas veces e desculpa na maioría dos casos, dos que todos, algunha vez, nos vimos na obriga de botar man, para xustificar a falta de atención ou para non recoñecer que nos están dando cabazas. E ti que segues co móbil apagado ou fóra de cobertura, non me veñas co conto de que o apagas para non collelo cando conduces, porque vives ó lado do bar. O cabreo aumenta a medida que as agullas do reloxo avanzan, que a cervexa remata e o camareiro me mira de esguello, a cada intre con máis descaro e mala cara, mentres disimulo lendo noticias que me aburren nun xornal atrasado. «Quen espera desespera». Que mo digan a min. Porque iso si, é sabido e recoñecido que a falta de puntualidade perdóase coa chegada do demorado recitando unha pregaria a modo de escusa que ninguén cree pero acéptase, e o incauto agardador aínda ten valor para desculpar ó insolidario tardeiro, pensando que peor foi o daquela veciña, hoxe vella solteirona, a quen o noivo deixou plantada na porta da igrexa cun ramo de flores murchas chuviscadas cun chafariz de bágoas e desesperación. A puntualidade é non chegar tarde, pero o plantón, amigo, é o desprezo elevado á enésima potencia. Érgome e marcho xa, resignado e xurando en arameo, para non quedar mal con Afonso, que o pobre non ten culpa, cando soa o teléfono e este me advirte, cun rosario de escusas, que hoxe non pode verse comigo (hoxe non é o meu día) por mor dunha reunión de última hora. E entón sento de novo (para que logo non me digas), e pido outra cervexa por se vés, Carlos, co teu teléfono fóra de cobertura, convencido de que cando o preguiceiro chega (se chega), todo se esquece e admites as máis inxenuas desculpas e perdóns, e aquí non pasou nada, e vamos ó noso, e falamos do que tiñamos que falar... pero cando non chegas... ¡ai cando non chegas!. E si ademais tes coñecemento por terceiros de que Carlos e Afonso se foron xuntos de esmorga sen contar con este servidor... dime agora, Carlos, dime agora. Vaia par de amigos teño.