Un Oscar

JOSÉ RODRÍGUEZ CABEZA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

04 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

CANDO O famoso tetrapléxico xa estaba maquinando a súa tráxica aventura, escribindo o guión do que, moito máis tarde, sería Mar adentro , un alcalde de Porto do Son fuxía por unha porta traseira do seu despacho, diante dunha manifestación de protesta de persoas afectadas pola discapacidade, xa que o Concello negábase a pagar un doce e medio por cento do salario dunha traballadora social que compartía co veciño Concello de Noia. Do mesmo xeito, outro alcalde, o de Ribeira, dedicaba a súa asistente social a clasificar recortes de prensa, mentres que os mandatarios de Boiro e Rianxo nin siquera sabían para que servía un traballador social. Loable excepción en A Pobra do Caramiñal que, baixo mandato de Segundo Durán, facéndolle caso á persoa que aínda hoxe ten os conceptos máis avanzados do que deben ser os servizos sociais de Galicia, José María Valencia Ces, foi o primeiro Concello da bisbarra que contratou a unha traballadora social a tempo completo. Mentres, media ducia de tercos ilusos esnaquizabamos as nosas testas contra tales pedras, tentando predicar os evanxeos da dignidade e dos dereitos das persoas como Sampedro. Claro está que a Amenábar tampouco lle contaron ben toda a historia, polo que, por exemplo, non fixo referencia a dous dos amigos de Ramón, Rego e José, que deseñaron e fixeron o estrebello co que se valía para ler e escribir. ¿Quen merece o Oscar?.