LINGUA PROLETARIA | O |
12 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.NO LIMITADO espacio que lle outorgan ós libros en certas librerías, leo títulos tan emblemáticos para satisfacer as necesidades intelectuais deste tempo de falsos ateos como: El código Da Vinci , El misterio de la Sábana Santa , La quiromancia aplicada , El tarot en 10 lecciones ou Como ser rico en cinco días ... Son os evanxeos da modernidade, a razón espiritual da credulidade, sobre os que a Santa Igrexa, tan protestona ultimamente, permanece calada (¿é que quen cala outorga?). A fronteira entre o crédulo e o crente, con máis frecuencia do que sería de de-sexar dilúese, mestúrase e entrambilícase nunha liña tan difusa que, non sería raro ter noticia dun novo concilio, declarando de lectura obrigada, no oficio da Santa Misa, o horóscopo semanal, ou que se acabe por excomungar a quen non pase pola sancristía a botar as cartas ó menos unha vez ó ano. Discuto cun lector deste tipo de libros e novelas e trato de encontrar a diferencia entre crédulo e crente, sen que o diccionario me aclare se, sendo crente o que cre ó tempo que profesa determinada relixión, se pode considerar tal ó lector de horóscopos; ou se o que cre neles lixeira e doadamente pasa de crédulo a afervoado crente, beato ou integrista relixioso. Mentres non se aclare a diferencia entre uns e outros, seguirei porfiando cos que me aseguran que o Código Da Vince conta verdades coma puños, e tratando de convencelos de que unha cousa é a fantasía e outra as trapalladas, que unha cousa é unha novela (e Dan Brown é novelista), outra un texto de ensaio histórico (e nesta non hai ningún documento probado) e outra moi distinta un escrito relixioso, feito, pensado ou dictado para puntualizar e exemplarizar sobre os canons da fe que o dicta (e esta nin tan sequera ten aquela nota decimonónica que rezaba: «de conformidade con nuestra religión y sana moral»), que xa sabemos que as verdades da fe non son verdades stricto sensu, senón metáforas, símiles e convencionalismos para facer máis intelixibles as súas propostas, e así o admiten e admitimos crentes e ateos. Pero é que, diante da ambigüidade dos textos sagrados, calquera falabarato se converte en dono da palabra por dicir o que máis morbo aporta, como iso de que sabe de boa tinta que Leonardo tivo acceso a un segredo teolóxico que plasmou nun cadro, para que alguén o descubrise cinco séculos despois. A partir daquí falan as urnas mercantís e o máis douto profesor calará diante dun bestseller. Un pode intuír, polo lido en textos sagrados e históricos, que a Virxe non era virxe nin Xesús fillo único, e incluso que este podía ter unha relación íntima con algunha siareira, pero intuír non é saber a ciencia certa e proclamalo son rexoubas de bardalleiro, sobre as que, por certo, a Conferencia Episcopal non ten tempo para facer desmentidos, preocupada como está porque o Estado español non quere comungar co seu pan nin deixar caer no cepillo da parroquia as moedas da preferencia. Para algúns non é doado distinguir entre ensaio e ficción diante de certa literatura. As verdades canónicas, ese conxunto de exemplos que tratan de convencer ós fieis, xa non se admiten porque se perdeu a fe nos teólogos. E agora veñen os novos predicadores de papel impreso, revisando os textos e competindo en barbaridade con aqueles que nos aseguraban que a Sábana Santa (confeccionada con liño en época medieval segundo o carbono 14) mantén indeleble o rostro dun varón que viviu en tempos de César Augusto ou que o santo prepucio do Neno Xesús se conserva nunha ampola de vidro veneciano en media ducia de catedrais ó largo do mundo, confundindo a simboloxía coa realidade. En resumo, que como lle dicía un parente a un predicador protestante que lle quería explicar a Biblia: «De maneira que non creo na relixión verdadeira e vou crer nunha falsa».