LINGUA PROLETARIA | O |

05 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI ALGO máis dun mes, Nando, agardou a ficar só para non ter o control da muller nin do fillo dando ordes mentres facía uns amaños na casa, con tan mala pata que, ó baixar as escadas do soto, para coller a ferramenta, puxo mal un pé e ficou na máis absoluta escuridade cunha perna rota. Onte, ó preguntar por el no departamento de reprografía de Izar, dixéronme que xa non volverá máis, que lle van dar a prexubilación e só virá para firmar. -Prometan o que prometan, o certo é que quitan a tres mil obreiros e non repoñen nin a cincuenta. Os compañeiros de Nando dánme unha rápida lección de economía elemental: se non hai cartos as tendas pechan, e se non hai tendas a xente marcha a onde as haxa. Se non hai xente, os empresarios non veñen, e se non hai empresas non hai cartos nin xente, nin tendas, nin vida. Durante o tempo que Nando estivo tirado no chan do soto, a medida que crecía a dor, a mente ía transportándoo a un estado de meditación sobre a morte en soidade, sobre esa gadaña que ves vir sobre ti e só podes resignarte. Grazas a unha veciña, que saía a botarlle unhas espiñas ós gatos e escoitou os seus lamentos, que chamou a unha coñecida do extremo da vila para que avisase á muller do infortunado, quen a esa hora estaba dando o paseo de cada tarde cun grupo de amigas por prescrición facultativa. Desde o móbil, a esposa chamou ó fillo que, ó non ter traballo, pasa as tardes pescando o que lle veña desde a ponte das Pías; e o rapaz perdeu tres cuartos de hora na caravana de saída de Ferrol, porque os poucos que traballan na industria auxiliar, ou son de fóra ou non invisten na cidade. Mentres todo isto sucedía, o marido da veciña, ós seus setenta e cinco anos, sen paciencia para oír lamentos e agardar, saltou o muro divisorio, deulle unha aspirina, que era todo canto tiña para axudarlle a calmar a dor, e chamou a urxencias. Cando a esposa e o fillo chegaron á casa, Nando xa estaba nun quirófano do hospital, totalmente sedado, desconcertado e agradecéndolle á providencia que os veciños tivesen gatos e que ese día comesen peixe. Visítoo na súa casa de Fene e falamos do que fala todo Ferrolterra nestes días: do incerto futuro, que el pronostica de turismo de terceiro mundo, cos nativos servindo refrescos en barracas chantadas nas amplas explanadas dos desmantelados estaleiros. Sentado cara unha franxa de mar que se ve a través da sebe -ós xubilados sempre lles gusta contemplar a liña do horizonte-, pensando no fillo e na enorme cantidade de metros cadrados que van ficar abandonados ó largo da ría, Nando teoriza sobre a morte da cidade, exemplo urbanístico dos tempos da Ilustración. -O recheo xa está feito, agora só faltan os apartamentos en primeira liña de mar. Será todo canto nos deixe a mallante para que andemos ós crebazos. Abalo a cabeza, que iso non pode ser así, que está en proxecto a planta de gas de Mugardos, que están facendo un porto exterior... -E outro xusto enfronte, e o da Coruña ten os maiores polígonos industriais de Galicia ó lado, e entrada directa á autovía, á autopista e ó tren, e a min non me saen os números. Estamos como eu no chan do soto: a velas vir.