DENDE FÓRA | O |
05 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.NON HAI posiblemente mellor época para a esperanza que estes comezos de ano. Pode que inconscientemente voltemos a renacer, sufrimos unha metamorfose persoal e descremos do pasado. ¿O pasado para que? Mellor a utopía, un toque de loucura para andar os camiños. Ter algo de primitivo, soñar, desfacer os cálculos e destruílos, entregarse sen máis e arriscar os sentiementos, comprender que un vive, que a vida ten sopros de frescura, momentos intensos, fornos de tenrura que explotan nos corazóns e dos que endexamais quererías baixarte. Entender, que non é mesmo vivir ca ter vivido. Non é doado vivir. Empaparse de viño e rosas e proclamarte no vento fronte aos malecóns, proclamarte oleaxe ou montaña, carballo que abraza forte os corpos soñados ou aínda por soñar, chamar polo seu nome; Xirín, penedo, agra, Rosa María. Saber que os soños nunca rematan e que un pode facer dun instante algo eterno. Soñar que un existe, ter a bocanada grande ata fartarse e reclamar os ollos como pelouros de luz sobre os dedos, aínda, que unha dor forte tente comerte parte da felicidade, ou ser reiseñor que anuncie a alba do día, orballo para un cántico, ou fogonazo de pálpito que te leve a unha illa, a esa illa do silencio, Sumatra, erguer alí unha torre e deixar un lugar para soñar.