LINGUA PROLETARIA | O |
04 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.Lembro que era dono dun balón, no grupo escolar, e polo tanto do dereito a escoller xogadores ou a sacarlle a vermella directa a quen lle levase a contraria ou non fixese con el algún pacto de non agresión, baixo o seu particular criterio de lealdade. Ser amigo del era asegurarse un posto no once de gala durante o recreo, e ter a posibilidade de aspirar a ser o crack da media hora, mentres que os seus inimigos se tiñan que resignar a chupar banco ou permanecer na banda como insolventes espectadores ou insolentes comentaristas día tras día. Moito aprendemos de diplomacia naquela escola. Para telo da túa parte era obrigado pasarlle os exames por debaixo da mesa, co conseguinte risco de ser sorprendido polo todopoderoso vozarrón de don Vicente e suspender por moito que chapases; era presentación de credenciais de boa relación cederlle o bocata de salchichón (a mortadela non lle gustaba); e invitalo a chocolate con galletas na primeira comuñón de teu irmán pequeno considerábase alianza político-social. A pesar de que todos lle levábamos dous palmos de alto e dous furados de cinto de ancho, con el non eran doados os armisticios, pois cada vez que alguén se lle arrepuña, aparecía por detrás o seu curmán (máis curmán có do famoso anuncio), para poñer as cousas no seu sitio segundo a orde natural do peso dunha labazada. Naquela escola da infancia aprendemos a apreciar o verdadeiro valor das armas estratéxicas, esas que fan efecto coa soa presencia. Pero todos os líderes teñen o seu tempo contado, sexan da caste que sexan, e os riscos de tan complicada relación remataron o día que seu pai trocou a roupa de augas dun pesqueiro de Ribeira por un traxe con garabata de corredor de comercio. Coa súa marcha perdemos un balón, pero fixemos as paces con aqueles a quen el nomeara persoas non gratas na particular guerra fría da nosa infancia. Durante moito tempo, o Virulillas só foi unha lembranza e un mal recordo, ó que volvíamos cando a nostalxia nos invadía; sen embargo onte, estreitámonos a man esquecendo infantís remorsos e pregunteille pola vida. -Pois mira, teño un piso no centro, un chalé nas aforas e tres coches no garaxe. «Es o de sempre», pensei, pero aínda brindamos polos vellos tempos; e el, nun acto de euforia morriñenta, fíxome a proposta de xuntarnos todos nunha cea de confraternidade; pero eu, que non teño un piso no centro, un chalé nas aforas nin tres coches no garaxe, propúxenlle deixalo para máis adiante, porque agora, despois de tanto tempo, quen sabe onde anda cada quen, e nestas datas, xa se sabe, todos teñen unha cea de empresa, da peña do Dépor, da asociación de veciños ou da APA, e non é doado atopar xente. -¡Como vas comparar iso cos vellos tempos! -dime el mentres eu penso no difíciles que son de arrefriar os insondables efectos da guerra fría.