Aquelas maletas de antano 

BARBANZA

LINGUA PROLETARIA | O |

29 sep 2015 . Actualizado a las 16:40 h.

ENCONTRO, NO Kiosco Alfonso da Coruña, a un amigo de infancia, con quen percorro a exposición sobre a obra de Gregorio Toral, vendo, máis aló dos cadros o interior das valixas que el pinta como quen pinta a vida das persoas, tanto o que se ve como o que non, o que se intúe ou o que se denuncia. O meu amigo ponse melancólico e di que, cando o seu pai viña de navegar, o que máis lle gustaba era o intre de abrir as maletas e ver aquel montón de novidades estendéndose por enriba da cama e polo chan, ata converter a habitación nun bazar cheo de colorido que deixaba a todos abraiados. -Que cousas hai polo mundo adiante -dicían os máis vellos. Aquelas maletas eran a raiola dun ansiado amencer que non se daba albiscado, e abrilas era unha festa. Arredor do recén chegado todo é asombro e os ollos fican espatelados diante das marabillas do estranxeiro; e tantas veces, de entre as roupas de traballo sacábanse uns aparellos que aquí non servían para nada, pero falaban do ancho que é o mundo. Aquelas maletas soltaban de debaixo da tapa un aire de liberdade. Nelas viña o progreso doutras terras, o modernismo e o insólito. Alí aparecían libros e revistas que franqueaban as fiestras do saber e da imaxinación, mesturadas con tabacos olorosos e licores exóticos. Eran as maletas do retorno, a memoria viva dun mundo desexado e procurado; todo o contrario do que esas mesmas maletas dicían antes de partir, cando agardaban debaixo da cama matrimonial ou detrás da porta dun trasteiro a chamada da necesidade, e transmitían sordidamente a incerteza diante do futuro e o medo a perder o tren da vida. Por iso, as maletas de Toral, retratando unha época de forte emigración, que amosan a desolación duns viaxeiros nus e sempre á espera, nos lembraban ás da nosa infancia: unhas veces ó pé dun baleiro molle ferroviario e outras nunha desolada cafetería de estación despois de que partiu o último tren; unhas veces na sordidez da habitación dunha pensión e outras fronte a un espello que limita o espacio vital do transeúnte. O pintor dicía que quería representar a vida como unha valixa onde se conteñen as ilusións e as frustracións das persoas, e nós non puidemos deixar de evocar aqueles tempos de enormes maletas que saían medio baleiras na ida, coa ilusión de volver cargadas de mundo (se volvían). Os cadros de Toral trouxéronnos a lembranza do taxi cargado cun feixe de valixas atadas na baca, abríndose paso a bucinazos que espantaban galiñas, por rúas estreitas asfaltadas con cunchas de berberecho, ata chegar á casa. E logo, despois de que toda a veciñanza indiscreta vise a faena de descarga, os rapaces, sen poder vencer a curiosidade preguntabámoslle ó que acababa de deixar de ser orfo de vivo: «¿e teu pai que che trouxo?», cunha mestura de ciúmes e envexa.