DENDE FÓRA | O |
03 mar 2004 . Actualizado a las 06:00 h.CANDO CHEGUEI, aínda estaban alí. Pensei, desconfía da multitude, da turba, dese xentío avanzado con exceso de adrenalina, con moitas, demasiadas revolucións barrenándolles os sentidos. Recea da súa verdade, fuxe. Poida que nós, nalgún momento, formáramos parte da turba, de certos mangoneos, e nesa eclosión, fora o corazón quen decidira. Na Barbanza. En Ribeira, en A Pobra, en Boiro tamén tivemos as nosas historias de multitudes. Podía facer un relatorio, exemplos sobrecolledores, que en máis dun caso son en sobremaneira un insulto á intelixencia. Aquí, coma na Pobra do Brollón, en Toques, temos defendido causas perdidas, animaladas que ben parecían mover as montañas. A verdade, non estaría de máis que ós pretendentes a ocupar cargos futuros na política, os fixeran pasar por un test de mínima evaluación. Na maioría dos casos, estes persoeiros poden deixarte estupefacto. A incompetencia non existe, é simplemente algo normal. Ademais tanto tén, que saberemos nós. Dende cando os elexidos teñen que dar contas. Un quédase abraiado cando algún alcalde se presta ó bufoneo, cando el mesmo xa deixa de ter sentido da ética, cando non sabe dimitir con elegancia, cando perde o norte, cando o fanatismo o encumbra, cando a turba arrinca a 220 kilómetros. Aínda que logo se esnafre na primeira curva.