Erro evidente

| GERARDO TRIÑANES | PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN DE EMPRESARIOS DE BOIRO

BARBANZA

TRIBUNA PÚBLICA

28 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

ERRO EVIDENTE é esta sociedade inmersa nunha carreira cara a ningunha parte onde o sistema natural de valores está mudando cara a un sistema superficial e simplista condicionado por intereses particulares que intencionadamente se confunden co interese xeral. Erro evidente é este permanente circo mediático no que estamos instalados e mediante o cal se alimenta o concepto de monoclasificación das cousas. Así, non é de extrañar que se manexen conceptos aceptados comunmente como que os empresarios son explotadores, os sindicalistas vagos, a xente da cultura roxa e resentida, os do PP fachas, os do PSOE corruptos e os do BNG independentistas e perigosos. Tamén cohabita a crenza de que tódolos políticos son iguais, o que resulta, a tenor do anterior, un auténtico contrasentido. Erro evidente é ver políticos con verdadeira valía eclipsados por oportunistas que fan da política o arte do engano. Erro evidente é o que está a acontecer en Boiro, onde xa non se fala de política, de ideoloxías, de proxectos... Só se fala de bandos, o dos bos e o dos malos. Erro evidente é España como concepto único e asimilista das outras realidades históricas e culturais que a conforman. Erro evidente é comprobar como, nas sociedades capitalistas post-modernas, a estructura social, é dicir, os espacios da sociedade civil tenden a disolverse quedando o individualismo como única saída estructural nunha sociedade de organizacións anónimas. Erro evidente é non potenciar foros de relación intersocial: empresarios, sindicatos, xentes da cultura, da política, etcétera. Erro evidente é non esforzarse en organizar e reforzar a sociedade civil para cambiar a orde social imperante e propoñer alternativas de cambio social. Din que nesto está a esperanza do futuro. Erro evidente seguramente serán estas liñas... En fin, ou den por non lido o lido.