DENDE FÓRA | O |
19 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.O SUR da comarca (Barbanza-Muros-Noia) tivo unha representación parlamentaria en Madrid máis ben escasa. Na primeira etapa, tivemos un senador, o sonense Baldomero Fernández pola UCD e, tamén foi senador, bastante despois, o ribeirense Pérez Queiruga. Somentes tivemos representación no Congreso dos Deputados co ex alcalde noiés Xesús Díaz Fornas, polo PSOE. Agora voltaremos a ter representación na cámara baixa, con Pepe Oreiro, ex rexidor de Carnota e ex deputado na Xunta; e ten posibilidades a concelleira noiesa Marisol Villar, ámbolos dous polo PP. As demais forzas políticas non inclúen postos de saída nesta bisbarra. Unha mágoa. É certo que, agás que un deputado sexa ministro ou semellante, a súa función non se amosa diante dos cidadáns como relevante e, nembargantes, os seus traballos nas 25 comisións do Congreso e 36 do Senado son esenciais para conformar a vontade popular que representan. Por iso, sería desexable que os deputados e senadores estivesen máis en contacto directo cos veciños, tanto para darlles conta do que fan como para escoitar os seus problemas cotiáns, incluso sería moi positivo formar foros de debate político. Non só son importantes nos medios as cousas dos concellos.