DENDE FÓRA | O |
02 dic 2003 . Actualizado a las 06:00 h.HAI QUE loar a iniciativa que tivo a Sociedade Liceo de Noia coa publicación do libro Noia-Ribeiras de mar enxoito. Outra entidade de seguro faría unha edición contando tódolos pormenores da súa historia, desde os primeiros días da súa fundación ata hoxe, e enchéndonos de retratos das súas actividades. Non por eso quero decir que este libro non as teña. É unha obra que máis ben céntrase na vila de Noia. Nela, as mellores plumas da vila nárrannos séculos de historia e de feitos. Aí están García Vidal falándonos da terra na que vivimos; Agrafoxo, o historiador, que fai un repaso dende as primeiras vivencias ata o pasado máis recente da vila; Fernández Leiciaga, economista, buscando as causas da perda como centro económico e comercial dunha vila que nos seus tempos foi eixo do desenrolo comarcal. Mariño fainos un repaso do que concerne ó arte; Torres Reino e Martínez Ferreiro tratan un tema que parece non ter relevancia, dado que o temos diante dos ollos a cotío: a arquitectura popular. Os entroidos e as romerías descríbeas Allut, e Pepe Agrelo fala do que é o seu: o teatro. Caamaño toca o ensino e pecha esta obra na que o pintor Costa deseña cubertas e gardas, e Xogaina ilustra co seu saber fotográfico. Gracias á Sociedade Liceo, referente no desenvolvemento en prol da cultura na comarca e longos anos de vida. ¡Noraboa!