O 22 de xuño de 1836, despois de varios retoques, nacía oficialmente o Concello Constitucional de Boiro, constituído polas parroquias de Abanqueiro (764 habitantes), Cespón (1.100), Bealo (405), Macenda (160), Cures (664), Lampón (760) e Boiro (2.316), onde se incluían as terras da actual parroquia do Castro; sumando un total de 6.169 habitantes. Co tempo, esta incipiente organización territorial significaría un cambio importante para Boiro, polo menos a nivel administrativo, xa que o centro de poder iba bascular hacia Cimadevila. Despois dun breve período no que o consistorio ocupara a Casa da Tenencia, en mans agora do propietario José Eyras Tobío, consecuencia, supoñemos, das desamortizacións emprendidas polos gobernos liberais, a sede do goberno municipal trasladaríase para o barrio cimadevilán nos anos centrais do século XIX, a unha casona inicialmente arrendada e logo, en 1887, comprada por 11.000 pesetas a Isabel Romero Garat. O traslado da capitalidade do novo municipio, xunto coa apertura da nova estrada do Estado, que a finais do século XIX viña a sustituir ó vello e sempre deteriorado Camiño Real, posibilitou a expansión de Cimadevila, efectuada sobre todo a partir dos primeiros anos da centuria seguinte.