Compostaxe

RAFAEL GARCÍA GUERRERO

BARBANZA

TRIBUNA ABERTA | O |

24 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

HOUBO UN intre no que todos aceptaron que a planta de compostaxe non se ía facer e perdiase a subvención. O grupo socialista de Noia foi o que tirou para adiante, e neste caso hai que recoñecer que o BNG noiés portouse ben apoiando sempre. Foi o Concello de Noia o que salvou o plan de compostaxe. Ven esta carta a colación das declaracións do actual alcalde noiés. Resulta hilarante que alguén que non coñecía a planta de compostaxe (a maior construcción na que participou o Concello) e descoñecía o proxecto ata fai dous meses, cuestione este plan. É difícil que o entenda cando o seu programa electoral en ecoloxía era poñer unhas frores na Alameda, polo que non é doado explicarlle os beneficios ecolóxicos da compostaxe. Tentaréi explicar de xeito sinxelo os datos económicos, agardando que sexa capaz de entendelo. Analizando os criterios para dividir os custos da mancomunidade, o peor dos casos para o noso Concello representaba un prezo semellante ó de Sogama, pero con máis servicios. A Xunta xa recoñeceu que vai ter que subir o prezo ata case dobralo. Había dúas posibilidades: abandonar o proxecto mancomunado e agardar a suba de Sogama ou apostar por un plan común e ecolóxico onde, no peor dos criterios, se aforraban moitos cartos. A decisión é clara, a mancomunidade segue adiante e a planta comezará a funcionar en breve, e cando Sogama aínda suba máis o prezo o tempo daranos a razón. Non era naquel intre conveniente fixar os criterios porque dependendo dos que se adhiran, ó Concello poderialle interesar un criterio ou outro. O criterio do peso do lixo actualmente prexudicarianos. Noia é unha vila moi comercial e turística con máis lixo que a media, mentres concellos como Lousame son rurais e a producción do lixo é menor, pero os seus custes son grandes, triplica o tamaño do noso municipio e a poboación é dispersa, o que require moito transporte e moitos contedores.