«O máis gratificante é sentir que axudas a combater a soedade»

Hugo I. Ferrón RIBEIRA

BARBANZA

Feminino e singular | Carmen García Cancela DIRECTORA DO CENTRO SOCIAL DE MUROS Tras 17 anos de duro traballo a carón do monte Louro, esta santiaguesa considera o seu oficio máis atractivo que sacrificado, por riba dos problemas de presuposto e espacio

20 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando Carmen García, ós seus 25 anos e cunha oposición de asistente social recén aprobada, recalou en Muros non sabía que non só iba a atopar alí o seu emprego. Xunto ó monte Louro casou, formou unha familia e acabou por implicarse tanto no Centro Social da vila que ela inaugurara xunto a outros novatos, alá polo 1986, que rematou por converterse en directora dunha entidade acostumada a sortear as dificultades orzamentarias e de espacio coa imaxinación e o pundonor dos traballadores. Non obstante, dentro dun ano abandonará Muros coa su familia, despois de 17 anos no centro e 7 como directora. Unha praza vacante na súa cidade natal, Santiago, é a culpable, aínda que a decisión non lle foi sinxela de tomar. «Dóeme no corazón», di. -Vostede chegou moi nova á vila de Muros, ¿como recalou aquí? - Estudiei Traballo Social en Santiago e un ano despois, con 24, aprobéi unhas oposicións da Xunta para asistente social. Daquela, a mediados dos oitenta, comezou a emerxer o fenómeno dos centros sociais, e a min tocoume en Muros, que estaba a piques de inaugurar este, alá por abril de 1986. En canto á adaptación, foi moi sinxela dende o primeiro momento. -¿Supoño que mudarían moito as cousas dende aquela? - Daquela traballabamos aquí cinco persoas e o centro abarcaba, ademais de Muros, Mazaricos, Outes e Carnota. Como asistente social tocabame a laboura de facilitar información e asesoramento de todo tipo. Eu levaba, fundamentalmente, temas de terceira idade e minusválidos. Tiñamos moitísimo traballo, incluso nos desprazabamos ata estas vilas, pero despois xa foron abrindo os seus respectivos centros e fomonos ceñindo a este municipio. -¿Canta xente traballa actualmente no centro? -Como persoal fixo temos un ordenanza, un auxiliar administrativo, un peón e máis eu, que exerzo de directora e de asistente social. -¿Cales son os obstáculos ós que se enfrentan? - A falla de presuposto e de espacio son os principais problemas cos que nos atopamos no noso traballo. -¿Carecen de recursos económicos e materiais? - Sí, pero é un problema que acusan moitos centros sociais en Galicia. Esta semana tivemos unha reunión na delegación da Consellería de Asuntos Sociais; os nosos problemas reprodúcense tamén noutros lugares. -¿Que é o máis gratificante do seu traballo? - O máis gratificante é sentir que axudas a combater a soedade da xente. Falo sobre todo dos maiores, da xente que vive soa, e que te fai sentir como da familia. Ese trato cos veciños é o máis bonito de todo o traballo -¿Que cambios lle gustaría facer no centro? - O ideal sería reconvertilo nun centro de día para poder ofrecer máis apoio á xente maior. Consistiría na creación dun servicio de comedor e outro de lavandería destinado a aqueles anciáns que viven sos ou que os seus familiares non se poden facer cargo deles durante todo o día. O obxectivo sería cubrir novas necesidades, máis que incorporar outras actividades ás que xa facemos.