A Guadalupe xunta pobos

La Voz

BARBANZA

Din os seus devotos que a imaxe da Moreniña é tan bonita que acaba concitando a admiración de todos, aínda que non crean nela. Polo visto en Rianxo, a santa debe ter algo porque, á habitual congregación de xente engadeuse un encontro de pobos, tan veciños como A Pobra e a propia vila de Castelao, e tan alonxados como Requejo de Sanabria. Nos tres se venera á Virxe de Guadalupe, pero alí estaban tamén representacións municipais dunha chea de pobos galegos. Entre as personalidades atopábase o alcalde de Requejo de Sanabria, Santiago Cerbiño, que estivo tan arroupado como na súa casa, pois numerosos veciños da poboación zamorana, así como grupos folclóricos participaron na festa dominical. O rexedor castelán entregou ó seu homónimo galego un escudo do seu Concello, ó tempo que non disimulaba o ben que se sentían en Rianxo, porque é como cando un se encontra cos amigos ós que fai tempo que non ve e lles contan as cousas boas e malas que lle pasaron nese lapsus. Veu tamén a vicepresidanta da Deputación provincial de Zamora, Mónica Martín, que xa adiantou que o vindeiro ano achegarase o titular do organismo, de parte do que mandou un saúdo para todos. Invitou a tódolos rianxeiros e ós seus amigos reunidos na festa a visitar a provincia de Zamora, terra de contrastes. Non fallou o invitado de honra, o que fora presidente da Xunta, Gerardo Fernández Albor, quen lembrou que a súa incursión na política empezou ós 14 anos, pero non se dedicou a ela en primeira fila ata que chegou a autonomía galega. Desvelou un segredo, e é que o seu avó era orixinario da provincia de Zamora, polo que se sentía máis unido coa chea de veciños de Requejo que estaban alí, ante os que se comprometu a devolverlle a visita coa delegación rianxeira na próxima ocasión. Como alí estaba o alcalde da Pobra do Caramiñal, lembrou que un día o recén finado Borobó lle pediu que intervira para rematar coas disputas sobre ónde naceu Valle-Inclán, e aplicando esta petición ás santas, pediu, en tono de humor, que nunca chegue a plantexarse unha disputa sobre a Virxe de Guadalupe, porque alí estaban tres pobos máis unidos que separados pola santa. Tamén Isaac Maceiras, titular da alcaldía da Pobra, agradeceu ó seu homólogo Pedro Piñeiro que invitara ós pobrenses a formar parte de tan importante festa, e non se esqueceu de transmitir mensaxes de unidade co seu compañero de Requejo. Piñeiro Hermida exerceu de especial anfitrión agradecenco a presencia de todos. Ós presentes ofreceulle un regalo de amizade, dicindo que a palabra amigos e amigas era o mellor agasallo. Despois dun intercambio de regalos douse por concluída a actividade oficial que empezou ó mediodía cunha concurrida misa na capela da Guadalupe, á que seguíu a procesión por terra e por mar, coas dúas moreniñas, a da Rianxo e a da Pobra, encabezando un percorrido pola ría que nin a intensa calor conseguíu deslucir.