Beber máis viño

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

26 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

ACABO DE ler neste mesmo xornal que o consumo de viño tinto e aceite pode alargar a vida. O titular, xa se poden imaxinar, leva ó san cachondeo de pensar que o borrachuzas de turno que todos coñecemos vai chegar a centenario e, sobre todo, o de que a mellor vida para durar moitos anos é totalmente a contraria da que nos aconsellan agora. En Internet tamén circulan as conclusións deste estudio e pódolles asegurar que son bastante máis cautas que os titulares aparecidos na prensa. Segundo a revista Nature , as probas fixéronse con fermento, que ten unha composición xenética bastante parecida á humana, pero que non é a mesma. Cando empezou o tema da cota do leite, ¿por que demos a alguén non se lle ocorrería facer circular un estudio que dixera que beber sete litros diarios de leite é bo -que seguramente o sexa- para durar máis anos, para ter ereccións ata os 90 ou para ser o dobre de intelixentes? Seguramente os gandeiros da comarca estaríanlle enormemente agradecidos por solucionar este grave problema que teñen agora. Tamén circula outro estudio dun grupo de científicos da Universidade de Texas que conclúe que o ADN humano ten unha semellanza do 92% cun verme do esterco. Saquen as súas propias conclusións.