DENDE FÓRA | O |
23 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.HAI MOMENTOS que deciden habitarte, que se quedan aí, instantes únicos que se revelan nunha intensidade fascinante e que logo pasan a formar parte dese castelo que un vai construíndo de si mesmo. En min, aconteceume coa pintura de Turner, alí estaba ese enigmático misterio da luz. Esta reflexión é a miña porta. Dado que nestes días se pode contemplar na Casa Mariñeira e no bar Amanitas da Pobra do Caramiñal, a exposición dos últimos traballos do fotógrafo Juan Carlos Navarro. Recoñezo que a súa obra causoume unha fonda impresión. Sorprende primeiro a unidade temática dos temas tratados. (Un traballo pensado e tecnicamente perfecto). Logo, os motivos utilizados onde nada sobra. Motivos cunha cárrega de arcaísmo estremecente. O seu modelado dunha simboloxía que dá en anunciar o fin. Ou mesmo outra vida. Cruces tomadas en planos baixos que fan que eses ceos contorsionados apoderen a mirada. Esta exposición é unha ollada asombrosa a esa porta do enigma, na que o espectador queda prendido na grande interrogante do ser humano, segundo palabras do escritor Anxo Rei Ballesteros. Esta mostra é a mostra dunha despedida. Ben paga a pena imbuírse desta maxia onde a linguaxe da luz fala por si mesma.