DESDE FUERA | O |
25 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.SAN XOÁN é o noso mes druídico, galego, por todo o que representa na nosa cultura. É popular por eso, por ser pobo. A grande noite do lume novo acende das súas entrañas e unha voz antiga dá en falarnos, en chamarnos ó misterio e compartir a maxia. En San Xoán, a labarada escintilante purifica e desterra os meigallos. Entón, ábrese a porta e aparece a danza, os desexos retidos na cova do home, a aquilo que un soña despréndese e toma forma. Este ano o lume purificador tería que minar nos sentidos. Falo dos sentidos dos políticos, daqueles que en Barbanza fixeron posibles os seus gobernos a través de pactos (vésaxe Lousame, Porto do Son, Boiro). A democracia sabe de votos, de partidas e resultado final. Os pactos son o termómetro dunha sociedade máis madura e tolerante, aínda que é verdade que os cidadáns sentimos un certo temor e desconfianza cara ós mesmos. Aquí, neste punto, será onde o sentido duns e doutros se debe purificar e a estabilidade sexa a norma e a firmeza da lexislatura, criterios sólidos e confianza no futuro, así, ata a fin. Formulo un desexo, agardo un intre no sosego, miro, vexo o resprandor que come nos vidros da fiestra, chegou o momento e boto a zapatilla ó aire.