Unha experiencia compartida

Hugo I. Ferrón RIBEIRA

BARBANZA

SIMÓN BALVÍS

As máis de dúas mil visitas que recibiu o certame durante os catro días nos que estivo aberto amosan a gran acollida que tivo e recompensan o esforzo de alumnos e docentes

30 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A Semana da Ciencia que organiza o Instituto Número Un de Ribeira pechouse onte co obxectivo cumprido: incentivar nos alumnos o interese polo coñecemento e o traballo en grupo. Esta é a opinión que teñen os membros do seminario de ciencias, o colectivo do que partiu hai xa tres anos esta innovadora iniciativa. O sentimento non é para menos: segundo os cálculos feitos polos propios docentes, os 700 alumnos que estudian no centro visitaron polo menos unha vez o día o certame, o que supón que a exposición de fotografía matemática, a aula multimedia ou os postos nos que se amosaba o funcionamento dunha depuradora, o ADN ou os secretos da física recibiron más de dúas mil visitas entre martes e venres. «Estamos cansos, pero máis que satisfeitos», apuntou Luis Peña, mestre de Ciencias Naturais, que se sente orgulloso da actitude duns rapaces que entenderon á perfección a filosofía que se lle quería imprimir a esta semana: unha experiencia compartida ademais de divulgativa. «Os alumnos participaron mesmo na recollida e limpeza das instalacións», comentou. A xénese da Semana das Ciencias non foi doada. A súa xestación comezou aló polo mes de xaneiro. «Foi un parto doloroso», apuntou Peña recordando á adecuación dos contidos, o deseño das instalacións e a selección dos experimentos e dos propios monitores, ós que hai que engadir os que colaboraron na montaxe. Con serias limitacións presupostarias, a dirección do centro educativo ribeirense tivo moitas veces que botar man do inxenio para facer realidade esta iniciativa en común a prol ciencia, ata o punto de que tivo moito de experiencia autoxestionada. A reutilización de material escolar e o emprego do utensilios usados nas propias clases foi unha constante na maduración e materialización da semana dende o principio. «Sacamos de onde non hai gracias ó esforzo de todos», asegurou Peña, que aínda ten a ilusión de compartir algún día esta experiencia con outros centros e seguir profundizando na meta de involucrar ós alumnos no traballo colectivo e convencelos de que a ciencia pode ser algo máis que un conxunto de disciplinas.