A homenaxe do BNG debuxou ó vate de Taramancos coma un soldado de Galicia

Sara Ares CORRESPONSAL | NOIA

BARBANZA

Xosé Manuel Beiras reivindicou a condición de referente popular para o literato Preto de duascentas persoas asistiron ó acto celebrado no Coliseo Noela

29 sep 2015 . Actualizado a las 16:41 h.

«Miña patria, eu son o teu soldado máis forte; a miña lingua é a túa espada...». Estes foron algúns dos versos escritos por Antón Avilés que glosou o mestre Xosé Agrelo na homenaxe realizada polo BNG o martes, no Coliseo Noela, ó bardo de Taramancos. Os tres poñentes invitados describiron ó literato como unha figura comprometida co seu país e coa súa cultura. Ante un auditorio composto por preto de duascentas persoas, Agrelo Hermo fixo fincapé na coherencia amosada ó longo da súa vida por Avilés Vinagre. Segundo explicou, froito da súa identificación coa terra e coa patria galegas xorde a súa implicación política, a súa militancia activa. O tamén poeta e crítico literario Xosé María Álvarez Cáccamo seleccionou e recitou versos do autor para compoñer un perfil do personaxe. Sobre el, dixo que era un «precoz domador de ventos e de ritmos» e que a súa etapa de emigrante en Colombia estivo marcada por unha ferida: «A da mágoa da saudade». Para poñer de manifesto o seu compromiso coa nación galega, Cáccamo lembrou unhas verbas extraídas do poema Fusquenlla , pertencente ó libro Última fuxida a Harar : «Hai que romper de norte a sur Galiza...; hai que romper, romper agora». Pola súa banda, o voceiro nacional do BNG, Xosé Manuel Beiras, definiu a Avilés como un fito, un referente para o pobo galego. Dun xeito especial, salientou como algo insólito a dualidade do escritor de Taramancos, a súa capacidade para encarnar e simbolizar nun só individuo o ideario, o pensamento e a cultura, por un lado, e o traballo, a loita e a acción, polo outro. «Era un home de esquerdas, pero denantes era un soldado; Antón Avilés non se desvía nunca dese norte magnético que é a nación galega», dixo Beiras.