A forte demanda, por parte dos escolares, dos libros do autor homenaxeado este ano obrigou á biblioteca municipal noiesa a cancelar o servicio de préstamo a domicilio
06 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Unha exposición de libros, revistas, xornais, estudios e manuscritos forma parte da homenaxe que a biblioteca noiesa lle está a facer a Antón Avilés Vinagre. Esta escolma de publicacións, que se poderá ollar durante todo o ano, está composta por auténticas xoias, como son as primeiras edicións das obras escritas polo bardo de Taramancos. Entre esas pezas sobresaen algúns diamantes literarios, como é o caso do texto orixinal do poemario de xuventude A frauta i-o garamelo , na súa primeira edición. Este volume veu a luz no ano 1959 e está considerado como o segundo libro na producción do autor, despois de As moradías do vento , que se distribuíu inicialmente como unha separata da revista coruñesa Atlántida . O bibliotecario de Noia, Jesús Gutiérrez Fernández, lembra que foi o propio Avilés o que entregou o exemplar na sala de lectura. Contan os estudiosos que esta obra tivo unha tiraxe moi restrinxida, limitada practicamente ós amigos do creador, o que a converteu nun título imposible de atopar nas librerías. No 2000, Follas Novas reeditouno con acerto. Tamén son de grande interese os manuscritos, algúns fotocopiados, que se conservan na biblioteca. Entre eles, atópase unha obriña de teatro titulada Tres capitáns de tempos idos , que compuxo para os nenos da escola de Outes. Asemade, poden lerse fermosos discursos da súa etapa de concelleiro de Cultura, coma un que pronunciou no 1988 co gallo do primeiro Encontro de Bibliotecas Municipais, celebrado en Noia. Neste recinto, exhíbese ademais unha colección de paneis didácticos sobre o homenaxeado, patrocinada pola Consellería de Educación. O responsable da sá ten previsto, ademais, involucrar ós colectivos sociais e culturais nunha lectura pública de textos de Avilés. A forte demanda dos libros do poeta, especialmente por parte dos estudiantes, obrigou á biblioteca a cancelar os préstamos a domicilio para garantir deste xeito que tódolos usuarios poidan consultar, en igualdade de condicións, os textos que alí se conservan.